Kraken Films é unha produtora formada por Adrián Castiñeiras e Fernando Tato, dous actores que se coñeceron fai xa máis de 8 anos nunha rodaxe e que decidiron dar o salto a formar a súa propia empresa para poder realizar os seus proxectos.
“Como actores participamos nunha parte moi concreta da produción e sentiamos que queriamos facer outra cousa, ter un control máis creativo sobre todo o que faciamos, empezamos a xogar creando as nosas escenas e ao final decidímonos a dar o salto para constituír nosa propia produtora, tamén animados por un mercado favorable e por uns medios que che permiten producir de maneira máis económica, ademais agora contamos con máis espazos de exhibición”.
A familia Kraken Films fórmana ademais unha rede de colaboradores cos que traballan habitualmente, dentro desta rede destacan Alba Gallego responsable de comunicación e dirección de produción e Lucas Terceiro quen lidera a parte de postproducción e dirección de fotografía.
Falamos con Adrián Castiñeiras sobre o traballo da produtora e os seus proxectos, “Contamos historias baseadas en dous piares: o guión e as interpretacións. Cremos que un bo guión é o inicio de todo e o noso obxectivo é transmitir esa mensaxe con interpretacións a proba de bomba. Este é o cinema que nos gusta, a pulsión para empezar a escribir unha historia xorde de algo persoal ou de algo que nos apetece moito contar como unha relación amorosa ou unha reflexión social”.
Ata a data o traballo da produtora baseouse na autoproducción de curtametraxes e webseries: ”Ao poder autoproducirnos temos máis liberdade, podemos facer o que queiramos”. Entre os proxectos para destacar están as curtametraxes de “Fracturas” dirixida por Fernando Tato e “O xefe” codirixida por Fernando Tato e Ozo Perozo, ambos curtas estiveron nomeados aos Premios Mestre Mateo e conseguiron numerosos premios en festivais nacionais.
Desde Kraken Films afirman que unha parte fundamental para eles é apoiar a novos talentos, porque conseguir esa primeira oportunidade non é nada fácil. Por iso entre os seus proxectos están webseries como “Delicias Amargas”, produción de fin de curso realizada integramente polos alumnos da escola de arte dramática Adestramento Actoral FT que dirixe Fernando Tato. Os alumnos estiveron implicados en todo o proceso, desde o guión ata a parte técnica. Actualmente están a terminar de rodar a segunda tempada desta webserie que se pode ver en Youtube.
Na actualidade teñen varios proxectos entre mans, o primeiro deles é outra webserie que leva por título “En terapia”, un traballo concibido directamente para instagram do que xa se estrearon 5 capítulos e que se pode ver en @terapia_en_serie. Ademais están a terminar a montaxe de “Compañeiros”, unha curtametraxe de terror producida xunto a Dinamo Produccións que conta coa interpretación do recentemente falecido Pedro Brandariz e que esperan estrear a finais deste ano apostando polo percorrido en festivais.
A maiores teñen en fase de desenvolvemento 4 longametraxes e 3 series dos que non poden desvelar moito máis, o que si nos asegura Adrián é que o seguinte paso para eles é dar o salto á coprodución para poder sacar así proxectos máis grandes e poder rodar a primeira película para Kraken Films.
En España cada vez é máis común que haxa actores con produtora propias, un modelo moi americano que ao principio aquí víase como intrusismo profesional pero que desde Kraken Films defenden porque para eles ao final é sumar talento creativo.