Hoxe, 9 de abril, estréase en cines a comedia “Cuñados”, ópera prima de Toño López e primeira longametraxe cinematográfica da produtora coruñesa Portocabo.
“Cuñados” é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Está protagonizada por Xosé A. Touriñán (“El desorden que dejas”, “Pequeñas coincidencias”, “Fariña”), Miguel de Lira(“Vivir sin permiso”, “Somos gente honrada”) e Federico Pérez Rey (“El desorden que dejas”, “Néboa”, “Mar Adentro”). A réplica feminina encontrámola en Eva Fernández (“Auga Seca”, “Néboa”, “Fariña”), Iolanda Muiños (“Fariña”, “Néboa”) e María Vázquez (“Quien a hierro mata”, “Vivir sin permiso”), entre outras.
O guión é obra de Araceli Gonda (“Hierro”, “18 comidas”). Parte do equipo técnico está integrado por Jaime Pérez (“Olvido y León”, “Hierro”) en dirección de fotografía; Lu Rodríguez (“El desorden que dejas”) na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe (“18 comidas”, “Matalobos”) na música orixinal e Andrea Pozo (“María y los demás”, “Auga Seca”) na dirección artística, entre outros.
“Cuñados” é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, Televisión de Galicia e Movistar+ coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En “Cuñados” colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro e está rodada integramente na provincia de Ourense. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.
Sinopse
Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen encontre a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e os deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Sen embargo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a bodega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.