16 Premios Mestre Mateo para empresas socias de Agapi

16 Premios Mestre Mateo para empresas socias de Agapi


Un total de 16 premios Mestre Mateo foron para empresas asociadas a Agapi, incluído o de Mellor Película para a longametraxe “Ons” da produtora Maruxiña Films e Mellor dirección para Paula Cons de Agallas Films polo filme “A illa das mentiras”.

O equipo de “Ons” gañou 9 dos 13 premios aos que estaban nomeados, a película da produtora Maruxiña Films fíxose cos premios a Mellor Longametraxe, Mellor Dirección de fotografía para Alberte Branco, Mellor Dirección de produción para Tamara Soto, Mellor guión para Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, Mellor interpretación feminina protagonista e de reparto para
Melania Cruz e Marta lado respectivamente, Mellor Interpretación masculina protagonista para Antonio Durán “Morris”, Mellor Montaxe para Fernando Alfonsín e Mellor Son para Sergio Silva e David Machado.

En palabras de Alfonso Zarauza “Estamos moi felices co resultado, estes 9 premios son unrecoñecemento a un traballo feito con moitísimo amor, esforzo e tamén moito sufrimento. É un recoñecemento a case todos os aspectos técnicos da película, desde a fotografía, o son, montaxe e ao guión, pero tamén aos actores, ao final é un recoñecemento global á calidade da película, un proxecto feito con moitísima paixón. Estamos moi agradecidos aos académicos e tamén ao público que foi a vela”.

A outra gran vencedora da noite foi “A illa das mentiras” da produtora de Agallas Films, que levou 4 galardóns, incluído o de Mellor Dirección para Paula Cons, Mellor Dirección de Arte para Antonio Pereira, Mellor Interpretación Masculina de reparto para Milo Taboada, Mellor Maquillaxe e peiteado para Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e Mellor Vestiario para Eva Camiño.

Falamos con Paula Cons sobre como recibiron este recoñecemento: “estamos moi contentos, é un broche precioso a un percorrido que empezou moi lonxe, no un festival de Clase A como é o Festival de Shanghái. Persoalmente para min este premio á Mellor Dirección é para todo o equipo e desde logo non tería sido posible sen o traballo das finalistas Vitoria Teijeiro e Nerea Barros. Estamos súper agradecidos a todas as institucións que apoiaron o proxecto, desde Agadic, TVG, TVE, Etb e o Goberno Vasco, ICAA, Ibermedia, Portugal e Arxentina”.

Ademais, o premio ao Mellor Documental foi para “Nación” dirixido por Margarita Ledo da produtora Nós, Produtora Cinematográfica Galega. E tamén a animación foi recoñecida co premio á Mellor Curtametraxe de Animación para “Carne” de Abano Producións.

A pesar das dificultades, a gala dos Premios Mestre Mateo puido celebrarse no Teatro Colón da Coruña baixo unhas estritas medidas de seguridade, unha oportunidade de reencontrarse de novo cos compañeiros e socios, despois dun ano de contacto só a través das pantallas. A recompensa deste premios é permitir devolver as películas ás salas, en concreto “Ons” poderase ver de momento en Vigo, A Coruña e Santiago, “A illa das Mentiras” terá percorrido no verán nos cinemas ao aire libre e “Nación” aínda segue presente en carteleira en varias cidades e vilas. Ademáis, varios dos proxectos premiados están dispoñibles na plataforma Filmin.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies