O “I+P, Ideas para Producir” confirmou ata o momento a participación de máis dunha ducia de canles de televisión, plataformas, distribuidoras e produtoras en busca de novas ideas e produtos audiovisuais. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, o evento celebrarase os días 24 e 25 de novembro en Pontevedra, garantindo todas as medidas de protección persoal e distancia social fronte á Covid-19.
A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one terá lugar o 25 de novembro e contará coa asistencia de executivos do departamento de Programas de Ficción de Mediaset España ou da Área de Contidos de Euskaltel-R e Televisión de Galicia. Tamén asistirán ao encontro o subdirector de Ficción de TVE, Javier García; a vicepresidenta das canles de Cine e Documentais de AMC Networks, Pilar de las Casas; o encargado de Selección e Desenvolvemento de Ficción de Movistar+, Rafael Taboada, ou Lara López, de Compra de dereitos audiovisuais de Cine Español e Independente en Movistar+; o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau, e a directora de Contidos de Aragón TV, Natalia Martínez, entre outros.
No “I+P, Ideas para Producir” estarán ademais a delegada de Filmax en Galicia, Inmaculada Castaño; o responsable de Vendas de DeAPlaneta, Cristian Caggiano, e o de Produción e Cine Español de A Contracorriente Films, Fernando Riera; a coordinadora xeral de Treeline Distribution, Elena Mera, así como executivos da produtora Portocabo.
Tal e como xa se avanzou ao abrir a convocatoria, se no seu momento as condicións existentes non permitisen realizar o pitching de modo presencial, o Clúster Audiovisual Galego celebrará unha edición online do “I+P, Ideas para Producir” nas mesmas datas.
Rexistro de proxectos
As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 6 de outubro. Para elo teñen que enviar o formulario que encontrarán na páxina web do Clúster (www.clusteraudiovisualgalego.com). A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching.
Neste 2020 o “I+P Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Coa colaboración das asociacións CREA e AGAG, da plataforma Filmarket Hub e da Pontevedra Film Commission, e co patrocinio de Gadisa e das compañías Music Library & SFX e Cinetools.
Colaboración con Filmarket Hub
A plataforma online de proxectos cinematográficos Filmarket Hub mantén a colaboración co “I+P Ideas para producir” apoiando os traballos que se presenten no foro. De maneira que as longametraxes e as series desta 14ª edición gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online da plataforma, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.