Comeza a rodaxe na NASA do documental ‘Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)’ das produtoras Meteórica Cine e Abano Producións

Comeza a rodaxe na NASA do documental ‘Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)’ das produtoras Meteórica Cine e Abano Producións

Comeza a rodaxe na NASA do documental ‘Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse)’ das produtoras Meteórica Cine e Abano Producións

A NASA ultima o desenvolvemento do telescopio espacial Nancy Grace Roman, a súa próxima gran misión científica, cuxo lanzamento está previsto para setembro de 2026. Tras o programa Artemis, co que a axencia volveu situar a exploración espacial no centro da axenda internacional, o foco sitúase agora neste proxecto que leva máis de dez anos en desenvolvemento e que permitirá observar o universo cunha precisión sen precedentes, ampliando o legado dos telescopios Hubble e James Webb.

Imaxe de Theresa P. Lousame

Begoña Vila, nacida en Valadares (Vigo) e residente en Maryland (Estados Unidos), forma parte do equipo de enxeñeiros que desenvolveron este telescopio espacial, o primeiro que leva nome de muller. Anteriormente, Begoña foi tamén enxeñeira xefa de sistemas do telescopio espacial James Webb, enviado ao espazo en 2021.

O documental Rumbo ás estrelas (Despois da eclipse), segue o seu traballo dentro desta nova misión, mostrando o proceso técnico e humano que hai detrás do telescopio Roman. A través da figura desta científica e enxeñeira galega, a película propón ademais unha mirada persoal sobre a vocación e os sacrificios que esixen as carreiras científicas, especialmente no ámbito feminino. O filme contará coa participación dalgunhas das figuras máis relevantes da ciencia mundial como Jane Rigby, Julie McEnery ou Jamie Dunn.

Imaxe de Theresa P. Lousame

A rodaxe realízase nos arredores de Washington D.C. en diversas localizacións da NASA como o Centro de Voo Espacial Goddard de Greenbelt ou o Instituto de Ciencias do Telescopio Espacial (STScI) no estado de Maryland. Galicia acollerá tamén parte da rodaxe coincidindo coa visita a España da protagonista para a observación da eclipse solar do 12 de agosto.

O proxecto está producido pola nosa asociada Meteórica Cine —cuxa última serie documental The Great Way se emitiu en máis de 40 países—, en coprodución coa nosa asociada Abano Producións —gañadora de cinco premios Goya—. O proxecto conta coa participación da canle Odisea (AMC Global Media) e de Televisión de Galicia. O guión recibiu o apoio do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais).

Imaxe de Theresa P. Lousame

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies