O Real Club Náutico de Vigo foi onte o escenario da presentación da serie galego-portuguesa AUGA SECA, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual.
AUGA SECA é unha coprodución entre Portocabo e a recoñecida produtora televisiva lusa SP-i, xunto coa integración da TVG e a RTP. A serie marca un modelo de traballo transfronteirizo que vén a dar continuidade ao exitoso proxecto anterior de Portocabo,VIDAGO PALACE, no que atinxe ao avance das relacións audiovisuais entre Galicia e Portugal. Na presentación participaron os produtores Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo; José Amaral, responsable de SP-i; Jaco Sutil, director da Agadic; Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, representantes de TVG e a RTP portuguesa; a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual. Neste contexto, a historia comeza cando Teresa regresa a Vigo desde Lisboa para pescudar a verdade sobre o suposto suicidio do seu irmán, ao tempo que a investigación policial terá que desentrañar unha rede delituosa acostumada a agocharse baixo unha legalidade aparentemente perfecta. Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie, que contará con seis episodios de 50 minutos cada un. Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballan Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.
Máis información aquí.