Chelo Loureiro (Abano Producións): “A liña de produción de Abano é apostar pola  animación de autor”

Chelo Loureiro (Abano Producións): “A liña de produción de Abano é apostar pola animación de autor”

Agapi conta cun novo socio, Abano Producións, a produtora galega fundada por Chelo Loureiro que leva desde o 2007 apostando pola animación de autor. Xunto a Chelo traballan Ana Fernández como produtora e Lúa Testa, actriz, guionista e escenógrafa, “somos un equipo de mulleres orquestra, nas pequenas empresas é o que pasa, que terminas facendo de todo”.

A liña editorial de Abano Producións é clara e única, animación de autor, sempre buscan traballar con artistas concretos e crear así unha animación con unha personalidade propia e o máis afastada posible da que se fai desde os grandes estudos. En palabras de Chelo, “o que pasa coa animación é que cada euro empregado nótase, e cada euro non investido, tamén. É moi fácil saber o tipo de orzamento que hai detrás de cada produción”. Desde Abano Producións son conscientes de que é imposible competir coas grandes producións e por iso apostan por proxectos máis autorales, “poderán gustar ou non, pero desde logo non son comparables”.

Na actualidade traballan con tres longametraxes de animación, “a animación conleva procesos máis lentos e orzamentos elevados, o que obriga a montar coproducións internacionais, sempre máis complicadas pola procura de compañeiros idóneos e os tempos para levantar o financiamento en cada territorio” afirma Chelo. A primeira destas longametraxes é “Unicorn Wars” de Alberto Vázquez, a segunda está dirixida por Isabel Herguera e leva por título “O sono da Sultana”, baseado na novela Rokeya Sakhawat Hossain publicada por primeira vez en India en 1905. E, por último, está “Valentina” dirixida pola propia Chelo Loureiro, que esperan poder estrear este próximo xuño, aínda que todo depende de como avance a situación este ano, xa que desde marzo do 2020 xa nada se pode dar por sentado.

Desde Abano Producións cóntannos que o golpe provocado pola Covid-19 foi moi duro ”afectounos moitísimo, foron moitos os atrasos e isto ten unha consecuencia clara nos orzamentos. Aínda que se sabe que a animación é máis fácil de adaptar ao teletraballo, pódese facer cando se fixo un deseño de produción así planificado, pero isto decídese na etapa de preprodución, que son meses de traballo construíndo ferramentas e métodos. E nós planificámolo para facelo no estudo, por iso é polo que cando nos confinaron estabamos de cheo en plena produción de “Valentina” e tivemos que tomar decisións custosísimas sen case información, porque a situación foi cambiando cada quince días e iso foi un tremendo lastre para todos, foi case como comezar de cero, trasladando os equipos aos fogares dos profesionais, construíndo novas ferramentas e métodos de traballo…”.

Para Chelo Loureiro hai un problema claro, o sector audiovisual é moi peculiar, por iso é extremadamente difícil facelo encaixar utilizando os mesmos parámetros que o resto de profesións ou empresas, “por exemplo, aquí os Ertes non funcionan, porque cada posto de traballo ten unha duración determinada, uns traballan 15 días e outros 10 meses, non é posible manter a todos 6 meses tras o ERTE, co engadido de que eses profesionais teñen outros compromisos adquiridos e o parón supón que, á volta, igual algún non estea dispoñible e isto obriga a buscar a outro e volver facer que todo encaixe”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies