Aqueladas presenta ‘Antes de maio’, novela visual interactiva que narra as mobilizacións estudantís do 68 en Compostela
O pasado martes 17 de marzo o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a presentación da novela visual interactiva ‘Antes de maio’. Esta proposta audiovisual da nosa produtora asociada Aqueladas narra a través da ficción e o documental as mobilizacións estudantís de 1968 en Santiago de Compostela que anticiparon ao maio francés.

A produtora Irene Pin explicou ao público como en ‘Antes de maio’ se meterían na pel dunha estudante de primeiro no curso daquel ano, e vai tomando decisións que condicionan o desenvolvemento do relato: como implicarse nas protestas, que riscos asumir, con quen aliarse. Cada elección abre camiños narrativos diferentes con distintos finais posibles. A narración ten unha clara perspectiva feminista, ofrecendo unha visión centrada na perspectiva das mulleres da época, e incorpora testemuños reais de Camiño Noia, Carme Ríos, Manuela Corral, Elena López, Carlos Campoy e as irmás Susana e Marisol López Facal.

Existen tres formas de vivir esta historia: como novela visual interactiva, experiencia teatral interactiva, ou paseo histórico autoguiado (información ampliada en https://antesdemaio.gal ). Un proxecto realmente innovador que foi premiado no I Certame de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña, e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
