Andrés Goteira (Dhogs, 2017) reinicia hoxe en Santiago a rodaxe de ‘Welcome to ma maison’, unha longametraxe documental con partes ficcionadas, que narra as desventuras de Igor Fernández, un actor que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación por un tempo e centrarse na investigación cinematográfica. Igor comeza a escribir un libro que versa sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn (Drive).
Dende aquela, o seu fin último na vida pasa do desexo de perdurar nas pantallas a encontrarse co seu idolatrado director, abrirse en canal con el e escribir un capítulo final para o seu libro.

Coa rodaxe da parte ficcionada do documental, que finaliza este xoves en Ferrol, Andrés Goteira completa unha viaxe real e figurada de Igor Fernández, na que mantivo encontros con distintos referentes seus, amigos do director danés e expertos cinematográficos, que reflexionan sobre a linguaxe xestual no cine e actuarán como ponte de unión entre ambos.

O documental producido por Gaitafilmes conta co apoio de Agadic, a Deputación de Lugo e a CRTVG.