AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) acordou crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a súa memoria e recoñecer ás persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Dolores Ben foi presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) dos anos 2007 a 2019, dando exemplo de traballo e integridade. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa sua dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido de futuro audiovisual.
A Asociación quere distinguir nesta primeira edición a labor e persoa da poeta e xornalista cultural Ana Romaní.
Ana Romaní é unha recoñecida profesional do eido da cultura, ligada desde nova ao mundo asociativo, participou na creación da Asociación Cultural Catavento de Noia (1983) e da revista artesanal Carabela de Xiada (Noia, 1983). Traballou como actriz de dobraxe dos anos 1985 a 1989. No 1989 incopórase á traballar na Radio Galega, na que segue na actualidade, onde dirixe o programa Diario Cultural entre os anos 1990 e 2018, ano no que é distinguida co Premio Nacional de Xornalismo Cultural que outorga o Ministerio de Cultura. Alén da súa faceta profesional, Romaní é unha activista a prol dos medios públicos, da liberdade informativa e da defensa da cultura. Ten publicada unha extensa obra como poetisa e ensaista e leva colaborado en numerosos proxectos artísticos con músicos como Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní. É académica numeraria da Real Academia Galega (RAG) desde 2019 e ao longo da súa carreira leva recibido numerosos premios e recoñecementos aos que agora se sumará o I Premio de Honra Dolores Ben.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 2 de febreiro, ás 19.30h en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro moi preto de Santiago de Compostela.