Agapi mellora o seu equipamento audiovisual grazas ao apoio da Deputación da Coruña
A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de reforzar os seus recursos técnicos coa adquisición de novo equipamento audiovisual destinado á realización e difusión de actividades culturais e profesionais do sector audiovisual galego. Esta actuación foi posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións FO204 para investimentos culturais durante o ano 2026.
O investimento inclúe a adquisición dun teléfono iPhone 17, un Ipad e de dous packs de luces Dous packs de luces Glowingstage Foco LED con batería, equipamento que permitirá mellorar significativamente a cobertura audiovisual, a iluminación e a difusión en directo das actividades organizadas pola asociación.
O novo teléfono e Ipad facilitará a gravación e retransmisión de contidos en alta calidade para redes sociais e plataformas dixitais, favorecendo unha comunicación máis inmediata e profesional das accións impulsadas por Agapi, desde encontros sectoriais ata presentacións, formacións e eventos culturais.
Pola súa parte, os novos sistemas de iluminación LED permitirán optimizar a calidade técnica dos actos e reducir a dependencia do alugueiro de material externo, mellorando tanto a organización como a presentación visual de eventos realizados pola asociación ou polas súas empresas socias.
Desde Agapi destacan que esta incorporación “supón unha mellora importante na capacidade técnica da entidade e tamén un recurso útil para as empresas asociadas, que poderán facer uso deste material nas súas estreas, presentacións e actividades profesionais”.
O equipamento de iluminación estará dispoñible na sede da asociación, en Santiago de Compostela, e poderá ser empregado tanto por Agapi como polas produtoras asociadas, contribuíndo á profesionalización, á innovación e á competitividade do sector audiovisual galego.
Con esta actuación, Agapi continúa reforzando o seu compromiso coa difusión cultural e co apoio ás empresas produtoras independentes, agradecendo o respaldo institucional da Deputación da Coruña para seguir impulsando proxectos que fortalecen o audiovisual galego.
