A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) para o desenvolvemento desta iniciativa, que pon a disposición dos institutos un catálogo de 14 títulos e unha serie de coloquios complementarios con profesionais do sector. Ábrese o período de solicitude para que os centros interesados accedan a unha serie de coloquios complementarios con profesionais do audiovisual galego.
O catálogo dixital de Educa Audiovisual inclúe filmes, series, curtas e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula nas distintas materias curriculares. A lingua, a memoria e o territorio son os tres eixos arredor dos que orbitan as 14 obras, sempre desde unha óptica actual e accesible, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. O obxectivo é proporcionarlle ao profesorado unha nova ferramenta para lles achegar coñecemento aos seus estudantes empregando como base contido audiovisual de calidade e en galego.
Reflexión e espírito crítico
Cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, ademais de facilitar os enlaces para o seu visionado na clase. A maiores deste uso libre do catálogo, Educa Audiovisual ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder a unha serie de coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico. As solicitudes para acoller estes encontros poden enviarse ao correo agapimpulsa@agapi.gal e serán atendidas por orde de chegada ata esgotar a dispoñibilidade para este ano 2023.
O catálogo, xa remitido a todos os institutos galegos de Educación Secundaria, está conformado pola serie documental ‘225 Km / 24 h.’, de Miramemira; ‘A dobraxe en galego, un modelo de normalización’, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; ‘A mestra de escola’, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; ‘Ahí ven o Maio’, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; as curtametraxes de Sétima ‘As ondas’, dirixida por Ángel Filgueira, e ‘Crianza’; a peza ‘Elas, produtoras executivas’, realizada pola propia Agapi; ‘Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor’, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais ‘O camiño das estrelas’, de Tamboura; ‘Os camiños do neno labrego’, de Noveolas Producciones; ‘Por vir’, documental de Eloy Domínguez Serén producido por Zeitun Films; ‘Repartidores do rural’, de Miramemira; ‘Tesouros somerxidos’, de Tex45, e ‘Videogramas. A propósito de Compostela’, de Numax.
Educa Audiovisual é unha iniciativa financiada en virtude do acordo de colaboración establecido entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Cinematográficas (ICAA) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a difusión do audiovisual en lingua galega.
Podes consultar o catálogo do proxecto ‘Educa Audiovisual’ premendo aquí.