Agapi presenta o Estudo cualitativo ‘2022, Ano de cambios no audiovisual galego’, unha edición dixital que conta co apoio do Concello de Santiago.
Seguindo coa colaboración iniciada no ano 2021 na que se presentaba o ‘Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas’ que facía balance do impacto da pandemia, seguida no ano 2022 coa publicación do estudo cualitativo sobre a consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional, chega neste ano 2023 o ‘Estudo cualitativo sobre os cambios no audiovisual galego’, facendo un balance de todo o acontecido nos últimos meses no sector.
Este traballo presenta unha serie de reportaxes coas principais responsables a nivel creativo e empresarial das produtoras galegas independentes co fin de medir o pulso e estado do noso audiovisual, tratando cuestións como os Fondos Hub ou a situación do tecido empresarial galego no mercado internacional.
O estudo comeza facendo un percorrido polo tecido asociativo audiovisual emprazado na cidade de Santiago de Compostela. Continúa con unha serie de reportaxes de empresas de produción audiovisual emerxentes para pasar a abordar cuestións de suma importancia polo seu impacto en termos económicos como son os fondos europeos (Fondos Hub) e a recuperación do ‘fondillo’ para o fomento das linguas cooficiais. Ambas medidas permiten a expansión dun xeito natural das empresas galegas no mercado internacional como recolle esta publicación na súa parte final, centrando a atención en aspectos tan diversos como a animación, a importancia de festivais e mercados, os laboratorios de creación ou os cambios nos modelos de consumo.
Este estudo en formato dixital é unha ferramenta de grande utilidade porque permite poñer voz aos produtores e produtoras para achegar coñecemento de forma directa nun sector cambiante que necesita actualización continuada de contidos. Publicacións coma esta supoñen unha oportunidade para difundir e poñer en valor a produción independente xerando un coñecemento de calidade moi valioso pola súa achega de testemuñas en primeira persoa.
O estudo quedará visible para a súa libre consulta no apartado da web de Agapi (agapi.gal) > Revista > Informes.