A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e AGAPI organizan o vindeiro venres 20 de outubro de 2023 entre as 10:30 e as 14:00 unhas xornadas de formación presenciais adicadas a poñer en común diferentes estratexias de produción sostible nas rodaxes da man dalgunhas das voces mais destacadas do sector.
A sostibilidade é un reto impostergable que está a guiar cambios significativos en múltiples sectores, incluíndo o ámbito audiovisual. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) están a marcar o camiño para a acción colectiva en pro da protección do medio ambiente. Estas xornadas buscan concienciar ás produtoras sobre a importancia de adoptar prácticas sostibles, non só para protexer o medio ambiente, senón tamén para reducir custos e mellorar a imaxe da empresa nos mercados nacionais e internacionais. As prácticas propostas van desde a selección de materiais ecolóxicos ata a xestión eficiente de enerxía e residuos, co obxectivo de promover unha cultura empresarial responsable e comprometida coa sostibilidade.
As xornadas dividiranse en tres relatorios: ‘A experiencia da aplicación do plan de sostibilidade no filme “As Neves”‘, impartida por Silvia Fuentes (produtora); ‘S.O.S.TIBILIDADE: como integrala nas nosas producións’, cuxa relatora será Rebeca Ros (socia fundadora de Vacalouras e ecomanager) e ‘Sostibilidade como un compromiso real na produción audiovisual’ da man de Asia Jarcyna (CEO en Willco, sustainability manager e coordinadora de produción).
As xornadas levaranse a cabo no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Esta formación, de balde, precisará dunha inscrición previa que se poderá realizar enviando un correo a prensa@agapi.gal co nome e apelidos antes do 19 de outubro. Na páxina seguinte podedes atopar o cartaz das xornadas.