Continúa o programa ‘Educa Audiovisual’, un proxecto de AGAPI e a Xunta de Galicia para o alumnado galego de Secundaria

Continúa o programa ‘Educa Audiovisual’, un proxecto de AGAPI e a Xunta de Galicia para o alumnado galego de Secundaria

O programa ‘Educa Audiovisual’ xa estivo presente en diversos IES da nosa xeografía, cunha excelente acollida. O catálogo dixital de Educa Audiovisual inclúe filmes, series, curtas e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula nas distintas materias curriculares. A lingua, a memoria e o territorio son os tres eixos arredor dos que orbitan as 14 obras, sempre desde unha óptica actual e accesible, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. O obxectivo é proporcionarlle ao profesorado unha nova ferramenta para lles achegar coñecemento aos seus estudantes empregando como base contido audiovisual de calidade e en galego.

Reflexión e espírito crítico
Cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, ademais de facilitar os enlaces para o seu visionado na clase. A maiores deste uso libre do catálogo, Educa Audiovisual ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder a unha serie de coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico.

O catálogo, a disposición de todos os institutos galegos de Educación Secundaria, está conformado pola serie documental ‘225 Km / 24 h.’, de Miramemira; ‘A dobraxe en galego, un modelo de normalización’, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; ‘A mestra de escola’, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; ‘Ahí ven o Maio’, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; as curtametraxes de Sétima ‘As ondas’, dirixida por Ángel Filgueira, e ‘Crianza’; a peza ‘Elas, produtoras executivas’, realizada pola propia Agapi; ‘Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor’, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais ‘O camiño das estrelas’, de Tamboura; ‘Os camiños do neno labrego’, de Noveolas Producciones; ‘Por vir’, documental de Eloy Domínguez Serén producido por Zeitun Films; ‘Repartidores do rural’, de Miramemira; ‘Tesouros somerxidos’, de Tex45, e ‘Videogramas. A propósito de Compostela’, de Numax.

Educa Audiovisual é unha iniciativa financiada en virtude do acordo de colaboración establecido entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Cinematográficas (ICAA) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a difusión do audiovisual en lingua galega.

Podes consultar o catálogo do proxecto ‘Educa Audiovisual’ premendo aquí.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies