A serie ‘Vidago Palace’ recén estreada en HBO Portugal

A serie ‘Vidago Palace’ recén estreada en HBO Portugal

O pasado domingo, 31 de maio, estreouse en HBO Portugal a serie ‘Vidago Palace’, un drama romántico de seis capítulos producida pola empresa galega Portocabo e a portuguesa Hop Filmes.

A serie, protagonizada por Micaela Lupu, Pedro Barroso e David Seijo, foi a primeira coprodución galego-portuguesa feita para a Televisión de Galicia e a RTP.

A trama de ‘Vidago Palace’ transcorre nun escenario tan extraordinario como o luxoso hotel e spa aberto en Vidago no século XX para recibir ás máis nobres figuras da sociedade europea. Nun contexto marcado polos Xogos Olímpicos de Berlín, a ditadura de Salazar en Portugal e o inicio da Guerra Civil en España é no que ten lugar a historia de amor de Carlota e Pedro, a filla dos condes de Vimieiro e o fillo dun empregado do hotel.

‘Vidago Palace’ é a historia dunha muller e un home dispostos a enfrontarse a todo tipo de obstáculos para poder vivir o seu romance.

Mentres que o portugués Enrique Oliveira foi o responsable da creación e dirección da serie, no guión tamén participaron Pepe Coira e Araceli Gonda, traendo parte da historia á fronteira entre Galicia e Portugal.

No elenco atópanse destacadas actrices e actores galegos como David Seijo, Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña ou Xosé Antonio Touriñán. Alén disto, tamén figuran no equipo recoñecidos profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco na produción executiva, Ana Míguez na produción, Xavi Font como creador da banda sonora ou Antonio Pereira na dirección de arte.




											

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies