A produtora galega Meteórica Cine ven de asinar unha segunda tempada da súa serie documental “The Great Way” (O Gran Camiño) coa distribuidora internacional Off The Fence, gañadora do Óscar 2021 a Mellor Documental. Da súa man, a primeira tempada de “O Gran Camiño” xa está presente en plataformas e canles de TV en 38 países como Estados Unidos, Corea, Hong Kong, Noruega, Suecia, Reino Unido, Alemaña, Austria, Suíza e en toda América Latina, entre outros. Polo momento a serie aínda non está dispoñible en ningunha canle nin plataforma en España.
Dado o éxito acadado pola primeira tempada, en formato miniserie documental de 4 capítulos, o equipo de Meteórica Cine roda actualmente unha segunda tempada na que se percorrerán o Jordan Trail a Petra en Xordania, a Ruta do Monte Olimpo en Grecia e a Vía Licia en Turquía, entre outros camiños. Esta segunda tempada será presentada en outubro no mercado MIPCOM de Cannes como parte do catálogo da produtora e distribuidora alemá Off The Fence, unha das líderes mundiais especializada en contido documental e gañadora do Óscar a Mellor Documental en 2021.
A orixe do proxecto foi un documental sobre o Camiño de Santiago
Este proxecto, apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, naceu como unha longa documental na que os seus directores, Alba Prol Cid e Raúl García, partían de Santiago de Compostela para percorrer o Pacific Crest Trail que atravesa a Costa Oeste de Estados Unidos, o Camiño Inca a Machu Picchu en Perú, o camiño Kumano Kodo en Xapón e o propio Camiño de Santiago. Dado o éxito colleitado en festivais de cine de todo o mundo con numerosos premios, e logo da súa estrea en cines en España, o documental espertou o interese das distribuidoras internacionais converténdose nunha serie que amosa en cada novo capítulo unha nova ruta.