O ICAA acaba de recoñecer a animación como sector estratéxico, este recoñecemento especial débese á alta cualificación dos profesionais españois, ao progresivo aumento de proxectos animados e á cantidade de postos de traballo que ocupa, así o afirma Chelo Loureiro de Abano Producións, coa que quixemos falar sobre a saúde da animación no noso país.
“Hai moita demanda, estase producindo máis animación que nunca, os produtores de ficción están a introducirse tamén na animación. Hai unha democratización da tecnoloxía, un maior acceso. Neste sector hai paro cero, temos problemas para atopar a xente que teña xa un percorrido profesional. Porque non só está a demanda do cinema, tamén os videoxogos e a televisión”
Se se está producindo máis, é evidente que se está consumindo máis, e aquí xoga un papel importante a animación para adultos. Para Chelo Loureiro, a animación “é unha técnica non un xénero” e é que calquera historia se pode contar con técnicas de animación.
En Abano Producións levan anos apostando pola animación feita desde aquí, e o traballo duro e a profesionalidade sempre dan os seus froitos. Proba diso é que o pasado xuño estrearon en Sección Oficial a película “Unicorn Wars” no Festival Internacional de Cinema de Animación de Annecy, o festival de cinema de animación máis importante do mundo. A película producida por Chelo Loureiro e dirixida polo gañador de 3 Goyas Alberto Vázquez estrearase tamén en Sección Oficial no Festival de Sitges (6 ao 16 de outubro), a única cinta española e a única de animación nesta sección. “Unicorns Wars” poderase ver en salas o próximo 21 de outubro.
O pasado ano Chelo Loureiro recibía o Goya á Mellor Película de Animación polo filme “Valentina”
“Para nós foi un recoñecemento enorme porque esta películas supuxo un esforzo xigantesco xa que o Covid-19 fíxonos moitísimo dano, tivemos un millón de problemas e, a pesar de todo, conseguimos a acabala”
Na actualidade atópanse traballando en novos proxectos, o primeiro deles é “O Soño da Sultana” de Isabel Herguera, unha coprodución con Alemaña que esperan estrear o próximo ano.
Ademais en fase de fase de desenvolvemento están a traballar con Miguel Anxo Prado e Nani García en “O Loro Emperador”, unha ópera bufa, familiar, da que están a producir un teaser co que poder empezar a procura de financiamento. E por último están a traballar en dúas curtametraxes, “To bird or not to bird”, de Martín Romero e “Todo Rosa”, de Giovanna Lopalco.
En Desenvolvemento traballan na serie preschool “Titan Tofu” de María Luquero, na serie documental para adultos de Camila Kater, “Carne”, e nun proxecto de VR de Eva Palacios, “Los Caminantes”.