A segunda edición da xornada educativa ‘Oficio de producir’ chega aos centros escolares da man de AGAPI e a Deputación de Pontevedra

As xornadas educativas “O oficio de producir”, iniciativa da Asociación Galega de Produtoras Independentes en colaboración coa Deputación de Pontevedra, volve aos centros educativos da provincia na súa segunda edición. O proxecto busca achegar ao alumnado a realidade do audiovisual galego e as posibilidades que o sector lles pode ofrecer no futuro.
Nesta segunda edición, o programa mantén o seu compromiso coa excelencia educativa ao ofrecer aos centros de ensin da provincia de Pontevedra a oportunidade de establecer un contacto directo cos axentes do sector. Recibindo na aula a un produtor ou produtora asociada de AGAPI para que lles achegue a súa experiencia e vivencias relacionadas co oficio de producir. Desde a idea ata a rodaxe e posterior distribución dos contidos, tanto para televisión como para cinema. Con esta iniciativa, preténdese non só enriquecer a experiencia académica, senón tamén profesionalizar a visión que o alumnado ten do sector, fomentando o respecto pola creación cultural e o coñecemento dun oficio estratéxico para Galicia.
As xornadas iniciaranse o vindeiro martes 12 de maio no CEIP de Agolada con Javier Lopa, da produtora Undodez, responsable de producións como ‘Pipo’, ‘Bibopalula’ ou ‘O novo son da regueifa’. Esa misma semana, o xoves 14 de maio, o CEIP Plurilingüe de Belesar (Baiona) recibirá a Bea Villar da produtora Brava, responsable de contido web de gran impacto como ‘Pringadas’, ‘Raíña-me’ ou ‘O videoclub’. O martes 19 de maio o Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas encherase de alumnado para escoitar á produtora Silvia Fuentes. A súa empresa Sétima é responsable de producións como ‘As liñas descontinuas’ ou ‘Cando toco un animal’. Simone Saibene, fundador Novelas Producciones así como docente e crítico, será o encargado de achegar o oficio de producir ao CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro) o martes 26 de maio. O martes 2 de xuño o CEIP Sequelo-Marín recibirá á cineasta, guionista e produtora Irene Pin, fundadora da productora Aqueladas. Finalmente, as xornadas educativas ‘Oficio de producir’ concluirán o xoves 4 de xuño no CEIP A Lama, da man do productor Diego Aballe de Coven Films, con sede en Vigo.