Tras obter o Premio á Mellor Achega Técnica na 36ª edición da Semana da Crítica da Mostra de Venecia, a película galega ‘Eles Transportan a Morte’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, conseguiu unha Mención Especial do Xurado da sección Zabaltegi-Tabakalera do certame vasco.
O Xurado composto por Sergio Oksman, Miriam Heard e Elena López Rise outorgou este recoñecemento ao filme pola maneira en que explota as posibilidades da materia fílmica para embarcarnos nun relato que pon en cuestión a historia da conquista de América.
‘Eles transportan a morte’ é unha coprodución entre a compañía galega Filmika Galaika e as produtoras canarias El Viaje Films e La Banda Negra.
Sinopse: 1492. Entre a tripulación de Cristóbal Colón viaxan tres homes que xa deberían ter morto. Conseguiron evitar as súas condenas participando na incerta viaxe, pero ao chegar ás Illas Canarias, foxen cargados cunha das velas da embarcación. Mentres, no ‘Vello Mundo’, unha muller trata de salvar á súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. Ambas as viaxes tratan de burlar á morte. Ambas as viaxes están suxeitas ao tempo e á Historia.