Tamboura Films acolle un encontro con Kimberly González, parte do equipo do prestixioso laboratorio europeo de revelado Cinegrell
O pasado luns a nosa produtora asociada Tamboura Films acolleu nas súas instalacións un encontro con Kimberly González, galega afincada en Berlín que forma parte do equipo do prestixioso laboratorio europeo de revelado Cinegrell.

A profesional falou de todos os segredos de Andec e Cinegrell, laboratorios especializados no revelado fotoquímico en 16mm e 35mm, así como en procesos dixitais de alto nivel. González respondeu con detalle ás preguntas técnicas de directores de fotografía e cineastas e mostrou a súa interese en colaborar con creadores galegos e levar persoalmente os seus proxectos no proceso de laboratorio.
A xornada rematou cunha visita ao estudo de cor de Lorenzo Colorlab, onde os asistentes viron como chegaba o material sen o LUT do laboratorio e a postprodución de cor que están a realizar da película Mil Ourelas, producida por Tamboura Films, rodada en xuño e revelada no laboratorio de Kimberly.