A longametraxe galega ‘Xustiza artificial’, coprodución hispano-portuguesa de Abano Producións que conta coa participación de TVG, alzouse co Premio Celtic Media Festival 2025 na categoría Single Drama (filme dramático). Recolleron o premio Fernando R Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada xefa de Contidos da TVG.
O coruñés Simón Casal dirixiu e coescribiu este filme ambientado en Galicia, con especial protagonismo da cidade da Coruña. Protagonizado por Verónica Echegui, Alberto Amman, Tamar Novas e Alba Galocha. A cinta foi estreada en setembro de 2024.
A 46ª edición do Celtic Media Festival celebrouse na vila inglesa de Newquay, en Cornualla. Este festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualla e a Bretaña francesa.
É unha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a CRTVG establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. As producións da TVG compiten cada ano con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3.
