O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas.
A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro. Como novidade, contará coa participación do Ourense Film Festival (OUFF). Para Candela López, responsable da Área de Contorna Segura do festival, esta actividade “é un punto de inflexión fundamental na visibilización do empoderamento feminino e no recoñecemento do traballo, o talento e a creatividade das mulleres produtoras de cine. Grazas a iniciativas como esta, ábrense camiños para que reciban a atención e o valor que merecen dentro da industria audiovisual”.
O roteiro pola provincia de Ourense dará comezo no IES Xermán Ancoechea de Trives, e a convidada para este primeiro debate será a produtora Rosa Taboada. O roteiro continuará o 18 de xuño, no IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova con Alba Prol.
O roteiro retomarase en setembro para continuar por máis centros da provincia.
