O cineasta galego nado en París hai 43 anos de pais emigrantes, Oliver Laxe, consagrouse o sábado coa súa película ‘Sirat’ ao alzarse co Premio do Xurado do Festival de Cannes, ex-aequo coa alemá ‘Sound of Falling’, de Mascha Schilinski. O xurado considera que o filme do realizador franco-español «marca un punto de inflexión» na súa obra, pois «asina unha fábula mística entre o deserto e a revelación interior».
‘Sirat’ é unha mestura de western, road movie e odisea existencial que segue a un pai interpretado polo actor Sergi López e o seu fillo que buscan a Mar, a súa filla e irmá desaparecida, en raves nas montañas do sur de Marrocos. A procura lévaos ao deserto, onde enfrontan os seus propios límites.
Coa distinción recibida, Laxe convértese no quinto director español que logra que unha película súa sexa premiada na sección oficial do festival de Cannes. Antes que el, xa formaban parte do olimpo Luis Buñuel, Carlos Saura, Víctor Erice e Pedro Almódovar.
O director recoñecía que ese Premio do Xurado para el “equivale a máis liberdade”. “Lexitima o traballo que estou a facer co meu equipo e convídanos a seguir na mesma liña. Entendemos a mensaxe. O que quere a xente é liberdade, o que saborea a cinefilia internacional é que haxa cineastas que sigan correndo riscos”, valoraba.
