A Deputación de Ourense e AGAPI organizan un roteiro ‘Elas, produtoras executivas’. Unha iniciativa para o empoderamento feminino’, que percorrerá diversos centros de ensino secundario da provincia.
O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro.
O roteiro pola provincia de Ourense dará comezo hoxe xoves, 10 de outubro, no IES O Couto da cidade de Ourense e a convidada para este primeiro debate será a produtora Gael Herrera.
O día 14 de outubro será a quenda do IES Carlos Casares de Viana do Bolo coa produtora Marta Eiriz, continuará no IES San Mamede de Maceda o 21 de outubro con Laura Doval como convidada.
O roteiro seguirá o seu percorrido polo IES Ribeiro de Ribadavia coa produtora Alba Gallego o día 28 de outubro e xa en novembro será a quenda do IES Aquis Querquernis de Bande (8 de novembro) coa produtora Alba Gallego para rematar o día 13 de novembro no IES 12 de outubro de Ourense coa produtora Marta Eiriz.