Os días 8 e 9 de outubro celebrarase no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación o Simposio Internacional “LexCAV: as linguas minorizadas no audiovisual a dous anos da aprobación da Lei 13/2022”
Parte integrante do proxecto homónimo financiado pola Axencia Estatal de Investigación (PID2022-142353OB-I00), este Simposio Internacional valorará o impacto sobre o sector audiovisual da Lei 13/2022, do 7 de xullo, Xeral de Comunicación Audiovisual, como transposición da lexislación europea.
Un Simposio que se configura como un espazo crítico de debate arredor dos marcos produtivos audiovisuais europeos con linguas cooficiais, da man daquelas figuras relevantes que, xa sexa desde o ámbito da lexislación, a produción, a distribución ou os estudos académicos, propoñen alternativas para a consecución dunha sociedade lingüisticamente diversa e dixitalmente inclusiva.
As temáticas a tratar no Simposio abranguerán, entre outras, a exclusión mediática da produción audiovisual realizada en linguas cooficiais (VO), o seu potencial inclusivo como ferramenta de acceso (VD, VOS, audiodescrición…) a contidos audiovisuais en linguas estranxeiras, o impacto da normativa europea e da Lei 13/2022 na produción audiovisual independente, a cota feminina nos equipos técnicos e creativos, etc.
O Simposio incorpora, ademais, a participación e transferencia de coñecemento á cidadanía, de cara ao seu empoderamento no audiovisual como un dos sectores máis relevantes na construción do seu patrimonio cultural inmaterial.
O acceso ao Simposio e ceibo e de balde, ata completar aforo, previa inscrición no formulario: https://forms.office.com/e/gUrvgTPBzG