Chávarri, que é un dos directores da súa xeración máis recoñecidos en España, ten no seu haber filmes xa clásicos como “El desencanto” (1975) e “Las bicicletas son para el verano” (1984), ademais doutros como “Sus ojos se cerraron” (1997), “Camarón” (2005) -centrada no cantaor flamenco Camarón de la Isla-, ou a recentemente rodada en Ourense “La Manzana de Oro” (2022).
O creador, que ten compartido traballo con prestixiosos profesionais como Iván Zulueta, Carlos Saura, Elías Querejeta ou Víctor Erice, recollerá o galardón na próxima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro.
O cineasta Jaime Chávarri (18 de marzo do 1943, Madrid) recibirá a Calpurnia de Honra do 27º Festival Internacional de Cinema de Ourense – OUFF, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro deste ano. Ademais, o festival publicará un volume arredor da súa figura a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección MonografíasOUFF.
“Ligar o nome de Jaime Chávarri á historia do Festival de Cine de Ourense é unha forma de recoñecer a súa traxectoria e, ademais, o seu compromiso con esta terra. Porque Chávarri ven de rodar “La Manzana de Oro”, un proxecto patrocinado pola Deputación dentro da nosa aposta por converter a Ourense nun gran plató de cine e que, sen dúbida, será unha das películas máis importantes da filmografía deste cineasta referencial e que ademais supón o seu regreso á dirección” afirma Manuel Baltar. O Presidente da Deputación de Ourense engade tamén que cando tivo a oportunidade de comunicar a Chávarri esta distinción, a Calpurnia de Honra, se sentiu profundamente honrado, e volveu a lembrar as súas semanas na provincia durante a rodaxe -a película rodouse integramente en Ourense-, recalcando a idoneidade das lugares da rodaxe, a súa satisfacción polo proceso de montaxe no que está inmerso e, avanzou, “a seguridade de ser unha das películas do ano”. Se todo vai segundo o previso, o público ourensano poderá gozar do filme nesta edición do festival.