O monte creativo de Rebordelos

O monte creativo de Rebordelos

Rebordelos, a produtora fundada por Xacio Baño e Tamara Canosa, é unha das novas socias de Agapi. Falamos con Xacio para que nos conte que é Rebordelos:

Rebordelos é o monte do meu avó en Xove, na Mariña Lucense, no cal pasei moitos veráns da miña vida, cortando e labrando. Para min é un lugar moi especial, mitolóxico no sentido de soñar co futuro e tamén significa traballo, plantar e recoller. Simboliza o esforzo de facer as cousas coas mans. En galego significa monte de carballos pequenos. Tanto a Tamara como a min pareceunos que representaba o que pretendiamos facer”.

Aínda que levan xa 10 anos traballando baixo esta marca, foi en 2020 cando decidiron formalizar a empresa desde a que poder sacar adiante proxectos propios e máis grandes. Un proxecto que definen como empresa cultural, “falamos de empresa cultural porque nos interesa todo o que nos axude a entendernos e a situar unha mirada, unha experiencia ou unha vivencia no imaxinario colectivo. Para isto hai moitos camiños expresivos posibles e estamos interesados en exploralos, combinalos e abrirnos a todos”.

Desde Rebordelos teñen moi claro a súa maneira de traballar e o que os define: “Ten que ver coa orixe, co monte, con facer as cousas coas mans, isto implica outros tempos. A creación ten un ritmo propio e ás veces pide dar un paso atrás. Buscamos miradas infrarepresentadas, desde as marxes. Interésanos o non resolto, o incómodo, o que non se pode contar. Traballando en galego, na identidade do país e na memoria, é querémolo apoiar co noso traballo”.

Ao longo da súa traxectoria hai proxectos que marcaron o rumbo de Rebordelos, uns deles foi a curtametraxe ‘Anacos’, en palabras de Xacio: “para min sentou as bases de moitas cousas, de traballar noutros camiños, de ser intelixentes na produción, conseguir máis con menos sen perder calidade”.

Na actualidade acaban de estrear a obra de teatro ‘Amantis’ e están a terminar dúas curtametraxes ‘Non te vexo’, que está en postproducción, e ‘Túa será a terra’, en pleno proceso de preprodución. Ademais na actualidade están a rodar a longametraxe ‘Recordos. Saúdos. Apertas’, dirixida por Xacio Baño “unha longa coa que levo convivindo 10 anos, o tempo que vivín en Santiago, unha cidade coa que manteño unha relación de amor e odio. Unha película de non ficción que reflexiona sobre como se forma unha cidade, sobre como vivimos no século XXI e o poder transformador da viaxe”.

Engloban en ‘Sementes’ o seu proxecto máis interdisciplinares, outra vez volvemos á terra para falar do lugar desde o que xeran contido moi diverso: “Sementes son proxectos culturais que non encaixan nas categorías de cinema e teatro, senón que se alimentan destas e outras. Proxectos diversos para unha sociedade en cambio. Son iso: sementes para achegar a un patrimonio común”.

Unha destas “sementes” é un proxecto do que senten especialmente orgullosos ‘Es ti que cantas’, a creación dos audiolibros da obra en galego completa de Rosalía de Castro, que se poden escoitar en Spotify.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies