A Academia Galega do Audiovisual outorgará este ano o Premio Honorífico Fernando Rey á asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo, en recoñecemento a unha traxectoria profesional de máis de trinta anos vinculada ao audiovisual galego. O galardón será entregado o 21 de marzo en Lugo, durante os 24º Premios Mestre Mateo.
A Academia destaca «o labor constante, rigorosa e profundamente comprometida de Rosa Moledo, unha profesional que contribuíu decisivamente á dignidade do galego e á súa presenza no ámbito cultural e audiovisual. A súa ampla experiencia en cinema, televisión e teatro exemplifica un firme compromiso coa lingua e a cultura de Galicia, o que constitúe un legado esencial para as xeracións presentes e futuras.»
Rosa Moledo é especialista en tradución audiovisual e consultoría lingüística. Ao longo da súa carreira, participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais para cinema, televisión e plataformas, incluíndo títulos como ‘A linguaxe das bolboretas’, ‘Os luns ao sol’, ‘O lapis do carpinteiro’, ‘Cela 211’, ‘Engurras’, ‘Os fenómenos’, ‘O noso último verán en Escocia’, ‘Lupin’ e ‘A Bela’, entre outras.
Foi galardoada e recoñecida por AGAPI co III Premio de Honra Dolores Ben no ano 2024.
