A 15ª edición do “I+P, Ideas para Producir” confirmou ata o momento a participación de preto dunha vintena de canles de televisión, plataformas, distribuidoras e produtoras en busca de novas ideas e produtos audiovisuais. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, o evento celebrarase os días 30 de novembro e 1 de decembro en Pontevedra, garantindo todas as medidas de protección persoal e distancia social fronte ao coronavirus.
A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one to one terá lugar o vindeiro 1 de decembro e contará coa asistencia de executivos do departamento de Contidos de TVE e TVG ou da Área de Ficción de Mediaset España. Tamén acudirán a este foro a produtora executiva de Atresmedia Cine, Gemma Vidal; o responsable da Área de I+D de Ficción e Contidos Dixitais de Atresmedia TV, Diego del Pozo; a vicepresidenta das canles de Cine e Documentais para o Sur de Europa de AMC Networks, Pilar de las Casas; as executivas de Desenvolvemento de Series Orixinais de Movistar+, Alejandra Saba e Ana Díez, e a do departamento de Compras de Dereitos Audiovisuais de Cine Español e Independente da mesma plataforma, Lara López; a manager de Contidos en Español e Portugués de Netflix, Isadora Laban, e a asociada de Contidos en Español, Dominique Brundler; os Scripted Development Executives de Amazon Adriana Izquierdo e Rafa Taboada; o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau, e a directora de Contidos de Aragón TV, Natalia Martínez, entre outros.