VENTURA, a nova plataforma de coprodución para cineastas e produtores de todo o mundo impulsada pola Asociación Cultural Enfoques, responsable da organización do festival internacional de cine Play-Doc, anuncia os proxectos nacionais seleccionados para participar na súa primeira edición. Son:
• Después de nada, dirixido por Carla Andrade e producido por Pilar Monsell
• El alumbre, dirixido por Alejandro Tarraf e producido por Felipe Lage Coro
• Elena dio a luz un hermoso niño, dirixido por Chiara Marañón e Juan Soto Taborda e producido por Luis Ferrón, Ricard Sales e Sandra Tabares Duque
• La frontera (título provisional), dirixido e producido por Andrés Duque
• Mil ourelas, dirixido por Sebastián Uría e producido por Olaia Ledo e Oliver Laxe
• Montaña ou morte, dirixido e producido por Pela del Álamo
Estes seis proxectos participarán nas dúas primeiras etapas de VENTURA. A primeira delas constará dun programa virtual de formación profesional no que cineastas e produtores recibirán asesoramento en diversos campos de interese como o desenvolvemento e financiamento de proxectos, a coprodución ou a distribución internacional (do 12 ao 16 de decembro de 2022).
Os profesionais confirmados que integran o equipo internacional de expertos son Martina Bleis (Co-Production Market, Berlinale), Aleksandra Zakharchenko (Marché du film, Cannes), Satu Elo (EAVE), Vincenzo Bugno (World Cinema Fund / Torino Film Lab), Gemma Vidal (Atresmedia), Montse Triola (Andergraun Films), Luís Urbano (O Som e a Fúria), Thomas Ordonneau (Shellac) e Valeska Neu (Films Boutique).
A segunda etapa consistirá nunha residencia de escritura presencial (do 23 ao 29 de xaneiro en Finca Remesal, Tui, Galicia) con Marta Andreu, recoñecida experta na titoría de proxectos e cunha dilatada experiencia en laboratorios e residencias de escritura do mundo enteiro, e o recoñecido produtor e consultor italiano Paolo Benzi.