Ext.-Rúa Real (Ferrol)-Día
23 de febreiro de 2022. Alberto Gracia, ferrolán nado no 1978, roda na súa cidade a súa terceira longametraxe que leva por título ‘La Parra’, título que deriva da mítica pensión ‘La Parra’ localizada na rúa do Carmo.
Gracia é un cineasta integrado na corrente do Novo Cinema Galego que volve a Ferrol para reler a bíblica parábola do fillo pródigo en clave de traxicomedia.
O filme narra a historia dun cineasta fracasado que retorna á súa cidade trala morte do seu pai. Tanto o protagonista como o escenario gardan unha fonda relación do director que declara que con todo non estamos falando dun proxecto de ‘egoficción’.
Durante un mes, a cidade de Ferrol e a súa contorna acollen esta rodaxe protagonizada por Alfonso Míguez ao que se suman outros nomes como Lorena Iglesias e Emilio Buale no reparto, así como actores e actrices non profesionais oriúndos da zona para dotar de
naturalidade á historia como a propia dona da pensión, Pilar. Máis de 50 persoas están contratadas nas diferentes categorías artísticas e técnicas para filmar a nova película producida por Filmika Galaika, que suma tamén un total de 40 figurantes, e a participación da rondalla Añoranzas de Ferrol.
A fotografía do filme depende de Ion de Sosa (‘Espíritu Sagrado’) que axuda a poñer o foco ‘nunha cidade que está nunha situación crítica, pero que posúe unha beleza inherente necesaria’, tal e como declara Gracia.
Esta produción conta con un orzamento total de 300.000 € dos que case dous terzos, 189.000 €, estarán destinados a sufragar gastos de persoal de equipo técnico e artístico.
‘La Parra’ está apoiada polo ICAA do Ministerio de Cultura, pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), polo Concello de Ferrol e conta coa participación da Televisión de Galicia
Seguiremos a pista deste filme agardando poder velo moi pronto nos cinemas.