A coprodución, unha maneira de chegar máis lonxe

A coprodución, unha maneira de chegar máis lonxe

A coprodución internacional cinematográfica é case hoxe en día a norma. Falamos con varios produtores independentes galegos e todos coinciden en que as vantaxes desta nova forma de producir son moitas, aínda que é imprescindible ter unha boa comunicación entre equipos, algo que non sempre é fácil. 

Se tivésemos que definir as tres vantaxes principais da coprodución serían a capacidade de acceder a un maior financiamento, a garantía dunha distribución internacional e o intercambio de talento creativo internacional. Así o afirma Andrea Vázquez da produtora Miramemira: “a principal vantaxe clara é a cuestión económica, porque se suman os recursos e axudas de varios países, tanto de fondos públicos como privados, por riba podes acceder a recursos técnicos que se cadra non temos na casa como os laboratorios de celuloide que si teñen países como Italia ou Bélxica. Ademais está a parte da distribución internacional, o acceso a mercados e o feito de que en festivais se premien este tipo de producións sobre todo se son con países non convencionais. Tamén, está o enriquecemento persoal e creativo de traballar con diferentes países e culturas”.

Felipe Lage de Zeitun Films coincide tamén con Andrea en varios dos puntos: “as vantaxes da coprodución son indubidables, aumenta as posibilidades de financiamento tendo un ou varios socios noutros países. Con isto tamén ampliaremos as posibilidades de distribución do proxecto nestes países e poderemos aproveitar a experiencia e contacto dos nosos socios”.

E Luisa Romeo de Frida Films teno clarísimo “para min as vantaxes son todas, a coprodución internacional axúdache a conseguir máis financiamento, sobre todo no cinema de autor, podes aspirar a orzamentos máis altos e despois garánteche que a túa película se vexa en máis sitios que en España porque hai unha obriga de estrea nos países coprodutores”.

Con todo, nas relacións de dous sempre hai unha cara B e cando as películas aumentan de socios ás veces a comunicación pode ser complexa, se ademais sumamos o factor da distancia física e as barreiras idiomáticas e culturais as cousas poden complicarse, unha opinión que comparten Andrea Vázquez e Felipe Lage:

Para que funcione ten que haber liderado na dirección, boa xestión de equipos e boa comunicación, algo que ás veces na distancia é difícil de conseguir. Non é o mesmo decidir entre un que entre catro” (Andrea Vázquez).

Lage apunta “a distancia pode dificultar o avance do proxecto e os conflitos terán peor solución. O máis posible é que traballemos cun país economicamente máis potente que o noso e, polo tanto, os nosos custes veranse claramente incrementados podendo provocar que o financiamento extra non marque unha diferenza tan grande”.  

En como mellorar e facilitar a coprodución desde Galicia, a produtora Luisa Romeo ve necesario un fondo coprodución minoritario propio “é unha iniciativa que en principio ía saír este ano e que xa se está facendo noutras rexións como Cataluña e Canarias, sería interesante que se implementase para ter acceso a coproducións internacionais con diñeiro galego”.

Felipe Lage ve este fondo como algo crucial: “No mercado da coprodución internacional a reciprocidade é fundamental. É dicir, se pretendemos que Francia, Alemaña ou Italia financien películas galegas, en Galicia debería existir un mecanismo onde se tamén se cheguen a apoiar proxectos doutros lugares, algo do que polo momento seguimos carecendo”.  

Noutras iniciativas para realizar para facilitar as coproducións galegas, Andrea Vázquez afirma que “traer un destes eventos internacionais a Galicia resultaría de grande utilidade para gañar peso e protagonismo nestes mercados. É ademais un exercicio de posicionamento e visibilidade para que estes produtores potentes poñan o interese en ti”.

Felipe Lage cre tamén na necesidade de investir en formación: “No ámbito internacional é esencial ter un dominio medio-alto de inglés, algo que falla no noso sistema educativo constantemente. Por tanto é algo a traballar por conta propia con formación extra ou mesmo desenvolvendo as nosas capacidades fóra nun país anglófono. A coprodución é un paso natural cando te enfrontas a proxectos máis grandes, pero non é evidente. Necesítase ter un nivel de coñecemento, de ferramentas de negociación e habilidades comunicativas e de xestión. Polo tanto creo que sería importante formarse nestes ámbitos”.  

O que está claro é que a coprodución suma máis que resta e que o cinema galego independente ten moito que achegar nos mercados internacionais, polo que sabemos isto non fixo máis que empezar. 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies