Tareixa Navaza distinguida co II PREMIO DE HONRA DOLORES BEN

 Tareixa Navaza distinguida co II PREMIO DE HONRA DOLORES BEN

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) acordou en 2021 crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a súa memoria e recoñecer ás persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Dolores Ben foi presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) dos anos 2007 a 2019, dando exemplo de traballo e integridade. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa sua dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido de futuro audiovisual.

A Asociación quere distinguir nesta segunda edición a labor e persoa da xornalista Tareixa Navaza.

Tareixa Navaza (Santiago de Compostela, 1947) é unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego. Pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual. Navaza representa a concepción dun xornalismo implicado coa sociedade do seu tempo.

Comezou a traballar en Radio Galicia SER a finais do 65. A partir de 1970 comezou a dirixir e presentar Horas jóvenes, un programa diario de dúas horas feito case na súa totalidade por estudantado universitario. Neses anos converteuse na voz de Galicia en programas estatais como Hora 25Matinal Cadena Ser e Los 40 Principales. Tamén recibiu o Premio Nacional de Radio.

En 1973 iniciou o seu traballo na delegación galega de TVE con Luís Mariñas como director, compaxinando radio e televisión ata 1980. Neses anos colaborou tamén cunha entrevista semanal en La Voz de Galicia. Como xornalista na televisión pública realizou informativos, magazines, mesas redondas, entrevistas, deportes, o tempo etc. A transmisión da chegada dos restos de Castelao e a lectura dos comunicados dos traballadores do sector naval tiveron consecuencias para ela como profesional: sufriu a censura de TVE e foi retirada aos corredores e a ler textos escritos por outras ou outros compañeiros.

Ademais do xornalismo en radio e televisión, a súa sinatura apareceu en numerosos artigos de opinión e entrevistas en medios diarios como El Correo Gallego ou La Voz de Galicia, no semanario A Nosa Terra ou en publicacións como Andaina, revista feminista.

En 1994 entra no Consello de Administración da CRTVG, do que formou parte durante dúas lexislaturas. En 2002 incorporouse de novo á TVE en Galicia, con Carmen Cafarell como directora xeral. Nesa nova etapa encargouse dun programa de hora e media dedicado á Real Academia Galega no seu centenario e de Arredor de nós, una serie de doce programas dedicados a outros tantos personaxes galegos. No 2005 foi unha das afectadas polo ERE aplicado en RTVE que lle afectou a outros cinco mil profesionais.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 14 de novembro en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro moi preto de Santiago de Compostela.

O I Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní e foi recollido nun emotivo acto celebrado en febreiro de 2022.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies