O documental, un xénero en auxe

O documental, un xénero en auxe

Vivimos rodeados de imaxes. A nosa maneira de percibir a realidade é a través dunha pantalla e, en concreto, a través do vídeo. Esta explosión de imaxes na nosa vida diaria está a facer que xéneros como o documental estean a ocupar un espazo destacado dentro do panorama audiovisual actual. Desde Agapi quixemos falar con catro produtoras documentalistas para saber un pouco máis sobre que está a pasar co xénero documental.

Amalia Mato (Recrea Films), Nati Juncal (Cósmica Producións) e Anxos Fazáns (Sétima) coinciden en que o documental está claramente en auxe, non só a nivel de recoñecemento en festivais, senón tamén, por parte dos espectadores. As razóns principais de que xa non vexamos o documental como un nicho e que estea a chegar a un maior número de fogares son principalmente dous: a incursión das plataformas dixitais, que para ampliar o seu catálogo están apostado por este xénero e, o desenvolvemento tecnolóxico dos equipos que permitiu abaratar custos e facilitar a produción.

Eu creo que, sen dúbida, o xénero documental e da non ficción é un dos xéneros que máis se está incrementado en demanda, en popularidade e tamén en crecemento. Durante un tempo quizais se considerou como un xénero menor, pero a incorporación do cinema documental nos festivais, nas publicacións e nos últimos anos nas plataformas dixitais está a facer que chegue a público máis amplo. Ademais os equipos técnicos máis lixeiros e baratos están a estimular unha liberdade creativa e unha renovación do xénero”. (Amalia Mato, Recrea Films)

“Entendo que a priori é un xénero máis barato de producir porque se necesitan menos materiais e persoal que nunha ficción. Ademais é un xénero flexible que se adapta a calquera circunstancia e medio (ródanse documentais no medio das guerras), e é moi directo na súa relación co público. Doutra banda, supoño que a proliferación de plataformas de consumo audiovisual e a necesidade de xerar contido continuamente está a favorecer ao auxe do documental porque é un formato máis rápido de producir”. ( Nati Juncal, Cósmica Producións)

Para Anxos Fazáns, de Sétima, a hibridación de xéneros é a clave dese éxito da non ficción: “Estamos nun momento no que falar de xénero documental e de ficción é cada vez máis difícil porque o que está a pasar é que cada vez hai máis hibridación, a abolición dos xéneros en todos os sentidos, e a mestura de ficción e documental é o que máis está a proliferar. As pezas que xogan coa realidade e tamén coa ficción son as que están en auxe, as que están a deixar unha pegada máis fonda nos festivais e no público”.

É precisamente esta hibridación de xéneros, liberdade e creatividade que ofrece o xénero o que destaca Gael Herrera de Tamboura Films, quen afirma que o documental “20.000 días na Terra” sobre o músico Nick Cave cambiou por completo a súa maneira de achegarse a este xénero: “É un documental filmado dunha maneira totalmente cinematográfica, e deime conta de que o máis importante é que o espectador preste atención, e para iso ás veces hai que envolver as cousas”. Para Gael, o xénero documental é claramente unha maneira de capturar o tiempo, ela mesma sempre está coa cámara en man e grazas a esto chegou incluso a gravar os derradeiros días do seu pai sabendo que se ía morrer, en palabras de Gael ”gravar a vida para deter o tempo”.

Na actualidade estas catro mulleres atópanse inmersas en novos proxectos documentais.

Amalia Mato segue recollendo éxitos con “A Virxe Roxa” de Marcos Nine. O documental foi recoñecido como mellor película no Festival Internacional do Cinema Documental de Arxentina, no Festival Internacional de Cinema Iberoamericano de Caracas ou co Premio ao Mellor documental na XX edición dos Mestre Mateo. Actualmente, en Recrea Films atópanse inmersos no desenvolvemento dunha nova longametraxe documental que acaba de recibir a axuda ao desenvolvemento de Agadic e que dirixirá de novo Marcos Nine. 

En Sétima teñen dous proxectos entre mans, o primeiro deles está xa en produción,  un novo documental  que leva por título “Patarinos” dirixido por Zeltia Outeriño e coproducido con Ringo Media (Barcelona). Unha película que viaxa pola vida da propia Zeltia que emprende unha viaxe de volta desde Barcelona á súa Galicia natal, un camiño de reconexión coa terra e coa súa familia. O segundo é “ Juliette e Camile” dirixido por Pomba Zapata, un documental musical aínda en fase de desenvolvemento sobre a volta ás raíces. 

En Tamboura Films, Gael Herrera confírmanos que teñen a intención de seguir apostando pola obra de Javier Corcuera. Ademais están a traballar nun documental sobre o Camiño de Santiago pero desde o punto de vista do thriller documental grazas aos recentes descubrimentos do historiador Tomé Martínez. 

O que nos queda claro despois de falar con estas catro mulleres é que o documental é un xénero en auxe aínda por explorar e que grazas ás súas múltiples formas é capaz de chegar a un público maioritario.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies