A esperada película de Alberto Vázquez, ‘Unicorn Wars’, producida por Abano Producións, vén de ser seleccionada en competición oficial no Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy.
O Festival de Annecy, que celebrará a súa 46ª edición na localidade francesa do 13 ao 18 de xuño é o certame de animación máis importante do mundo
Do centenar de longametraxes presentadas, 10 formarán parte da Selección Oficial, entre elas ‘ Unicorn Wars’, que xa foi unha das estrelas españolas de Annecy 2021, onde participou na sección Work in Progress. A nova película de Alberto Vázquez (‘Decorado’, ‘ Birdboy’, ‘ Psiconautas’, ‘ Homeless Home’) é unha coprodución de España e Francia, que mestura de animación 2D e 3D, producida por Chelo Loureiro de Abano Producións, Iván Miñambres de Uniko, e o francés Nicolas Schmerkin de Autour de Minuit e Schmuby.
‘Unicorn Wars’ presentou tamén as súas primeiras imaxes no foro de coprodución europeo Cartoon Movie 2022, o pasado mes de marzo. O filme chegará aos cinemas españois o próximo mes de xullo baixo distribución de Barton Films, tras o seu paso por festivais. A película tamén ten confirmada a súa estrea en salas francesas da man de UFO, aínda que o país veciño, moi fan dos traballos de Vázquez, terá que esperar ao mes de outubro. Ademais, chegará tamén a cinemas de Xapón.