A Fundación SGAE convoca, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia e coa colaboración da USC, a mesa redonda Guionistas na TV. O século XXI marcou un cambio de tendencia na produción audiovisual: as novas plataformas e dispositivos provocaron unha evolución da creatividade e do propio negocio cara á televisión, tanto na súa concepción clásica como nos seus diversos formatos para consumo en liña. Nesta mesa, tres profesionais do sector explicarán as claves do seu oficio e debaterán sobre as súas circunstancias, ofrecendo un achegamento necesario ao presente inmediato da creación audiovisual.
O encontro Guionistas na TV celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Aula de Visionado 1) o martes 10 de decembro (16:00 a 18:00 horas) con acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
Participarán tres importantes guionistas:
-Xosé Cermeño é escritor, realizador e guionista. Creador de Pratos combinados e director de Larpeiros, entre moitos outros espazos. Estrea este mes de decembro unha nova serie na TVG: Do dereito e do revés.
-Andrés Mahía traballou como guionista, argumentista ou director para series como Mareas vivas ou Terras de Miranda. Como socio da produtora Zopilote, creou Era visto! ou Malo será!, que segue a emitirse con éxito na TVG.
-Alberto Guntín foi creador, guionista ou director de series como Padre Casares ou Mareas vivas, e ademais produtor executivo de Matalobos ou Serramoura. Tamén é Director de Desenvolvemento de Voz Audiovisual.
Entre todos abordarán cuestións coma os cambios creativos no proceso de produción; a evolución dunha historia dende a escrita ata a pantalla; a relación do autor co resto do equipo; ou a adaptación ás emerxentes plataformas de contidos e ás tendencias e estilos de consumo.