Pasou xa máis unha década desde que Luisa Romeo decidise montar a súa propia produtora baixo o nome de Frida Films cun obxectivo claro, apostar por proxectos propios.
“Ao final despois de traballar varios anos para outras empresas empezas a sentir que é hora de desenvolver os teus propios proxectos”. En 2018 Luisa Romeo foi seleccionada para o programa Producers on the Move do festival de Cannes, a iniciativa do festival francés ten como obxectivo conectar a produtores europeos novos e emprendedores con posibles socios de coprodución.
Desde 2008 en Frida Films buscan proxectos de cinema de autor con directores que teñan unha mirada propia, pero que tamén teñan percorrido en salas. Desde a produtora traballan de tres maneiras: colaborando con iniciativas doutras produtoras, buscando a colaboración externa para os seus propios proxectos e, por suposto, desenvolvendo proxectos propios.
O punto de inflexión de Frida Films chegou con “María e os demais”, película que obtivo 2 nominacións nos premios Goya nas categorías de mellor dirección novel para Nely Reguera e mellor actriz protagonista para Bárbara Lennie. En palabras de Luisa “entrar na carreira dos premios nacionais colócate no panorama nacional e iso permíteche chegar a outros proxectos máis grandes“
Entre os proxectos realizados pola produtora atopámonos con longametraxes documentais como “La mujer del eternauta” (2011) ,“Los increibles” (2012), ou o seu último traballo neste xénero “Gallo”, que narra a historia do surfeiro cego Antonio Díaz Huerta. Ademais, de “María e os demais”, Frida Films produciu longametraxes de ficción como “O arca de Noé” (2014) e “ Trote” (2018) de Xacio Baño, este último proxecto foi seleccionado polo programa de residencias cinematográficas Ikusmira Berriak do Festival de Cinema de San Sebastián en colaboración con Tabakalera-Centro Internacional de Cultura Contemporánea e Fundación Donostia.
Frida Films atópase actualmente envolta no desenvolvemento de dúas novas películas “Tres” e “A Leituga”. “Tres” é a segunda longametraxe de ficción do director Juanjo Giménez, que en 2016 conseguiu a Palma de Ouro en Cannes pola curtametraxe “
Timecode”, a curta foi nomeada tamén aos Óscar na mesma categoría. “Tres” é unha coprodución internacional con Francia, as vendas da película levaraas Le Pacte e ten previsto a súa estrea para o outono de 2020. O segundo proxecto que teñen entre mans é ”A Leituga”, unha co-dirección de Diana Toucedo (“Trinta Lumes”) e Víctor Duplá, que se estrea como director neste proxecto de ficción.
Cando falamos sobre a situación do audiovisual en Galicia, a resposta é clara, “en Galicia hai moito talento e ademais sabemos exportalo ben”. Exemplo diso son os recentes triunfos de Oliver Laxe en Cannes ou Xacio Baño no Festival de Locarno. Ademais, a colaboración dentro do sector é moi boa “en Galicia somos poucos, por iso aproveitar as sinerxias é fundamental”.
O camiño para seguir crecendo como produtora independente pasa por facer proxectos máis grandes con coproducións internacionais, desde Frida Films buscan crear estas novas alianzas dentro do mercado europeo.