Jaione Camborda (Esnatu Zinema): ”Arima é un película pequena pero moi loitada”

Jaione Camborda (Esnatu Zinema): ”Arima é un película pequena pero moi loitada”

Detrás Esnatu Zinema está a directora Jaione Camborda, esta produtora nace da necesidade de Camborda de autoproducir a súa primeira longametraxe, ‘Arima’. Falamos con esta cineasta vasca afincada en Galicia desde hai máis de 10 anos e cóntanos que neste proceso de crear a produtora por pura necesidade descubriu que había algo na produción que lle gustaba, por iso espera que Esnatu Zinema siga crecendo con novos proxectos. 

‘Arima’ estreouse a finais do 2019, ademais de pasar por varios festivais e gañar o premio á mellor dirección no Festival de Sevilla na sección Novas Ondas, a película tivo moi boa acollida nas salas de Galicia, especialmente tendo en conta que era unha opera prima. En palabras da directora, “é unha película moi pequena pero moi loitada, toda a forza e ilusión que puxemos para sacala adiante está a dar os seus froitos”. Na actualidade ‘Arima’ conta con 7 nomeamentos, incluída mellor película e mellor dirección, aos premios Mestre Mateo que se celebrarán finalmente o próximo 10 de abril. A película conta a historia de catro mulleres e unha nena cuxa vida se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros, unha historia contada entre a fronteira entre o real e imaxinario, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo. 

Actualmente en Esnatu Zinema atópanse terminando a distribución de ‘Arima’ e están en pleno proceso de financiamento da segunda longametraxe de Jaione ‘O corno do centeo’. O filme, que conta xa co apoio de Agadic e a TVG, realízano en coprodución con Miramemira e esperan rodar a finais de 2022. 

O estado de alarma de hai un ano fíxolles parar, e aínda que isto afectou á distribución de ‘Arima’, o parón permitiulle á directora volver coller aire e meterse de cheo no desenvolvemento deste segundo filme “viña dunha época de moito traballo, estaba exhausta e o confinamento supuxo unha pausa que me permitiu sentarme a escribir de novo”.

Esnatu Zinema significa en vasco “espertar”, e este foi o nome que elixiu Jaione Camborda para a súa primeira curtametraxe con tan só 19 anos, hoxe é o nome desta produtora que desenvolve proxectos de corte autoral con vocación internacional e que xa fixo oco dentro do audiovisual galego. 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies