Felipe Lage (Zeitun Films): ”Démonos conta da nosa fortaleza como empresa”

Felipe Lage (Zeitun Films): ”Démonos conta da nosa fortaleza como empresa”

No 2020 Zeitun Films estreou na Berlinale a película ‘Lúa Vermella’ de Lois Patiño, foi xusto antes do confinamento polo que a película puido facer camiño, aínda que a súa distribución viuse afectada como consecuencia da pandemia.

A semana pasada Zeitun Films volveu de novo a Berlín co documental ‘Miguel´s War’ da directora Eliane Raheb, proxecto no que traballaron como coprodutores xunto a Itar Productions (Líbano) e Kabintett Films (Alemaña). En palabras de Felipe “é un proxecto do que estamos moi orgullosos e felices de que se poida estrear nun festival tan prestixioso”. O documental conta a historia de Miguel, o retrato dun home homosexual que tras fuxir hai 37 anos da guerra e a represión en Líbano ao Madrid posfranquista, regresa coa cineasta ao seu país de orixe e enfróntase ás súas pantasmas do pasado. 

Os festivais de cinema como case todo tiveron que reinventarse e este ano a Berlinale faino cun modo mixto, con unha edición en liña que se celebrou a semana pasada e unha edición presencial que se celebrará en xuño. Falamos con Felipe Lage de como viven desde as produtoras esta nova participación en festivais “coa parte en liña pérdese a experiencia do cinema, ademais non podes ver nin sentir as reaccións do público, e doutra banda as películas están pensadas para a pantalla,  co visionado en liña non podes saber como as estarán vendo. É triste pero non deixa de ser outra consecuencia da pandemia que estamos a vivir. Esperamos que aos poucos a situación mellore, vaian levantando as restricións e poidamos estrear en salas e volver aos cinemas”.

Agora mesmo en Zeitun Films están inmersos en 4 proxectos, 2 longametraxes e 2 curtametraxes. A primeira destas curtas é ‘Rompente’ de Eloy Dominguez Serén, que se rodou en novembro do ano pasado e co que están en plena fase de montaxe e postprodución, agardan poder distribuír e estrear nos próximos 4 meses. 

A outra destas curtametraxes é ‘Sen ti’ da directora libanesa Feyrouz Serhal, unha curta que se rodará en Galicia esta próxima primavera. Ademáis, están traballando tamén con Feyrouz na longametraxe ‘I am here but you can´see me’ que se atopa en fase de financiamento.

E por último traballan tamén na longametraxe ‘Montaña ou morte’ de Pela del Álamo, aínda en fase de desenvolvemento. 

Como para case todo o mundo, o 2020 foi tamén complicado para Zeitun Films, pero Felipe Lage saca unha lectura positiva de todo o vivido “a pesar de que a nivel de empresa tamén foi un ano duro, mantivémonos activos e operativos, a industria cultural xa é moi fráxil per se. Este é o noso undécimo ano como produtora e desde logo foi difícil pero tamén nos permitiu darnos conta da nosa fortaleza como empresa, e isto é algo moi importante”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies