O sábado 9 de febreiro a partir das 17.00h. a Casa da Cultura de San Sadurniño converterase nun cine de sesión continua onde se fará a estrea mundial as 23 pezas realizadas durante a 5º Chanfainalab na primeira fin de semana de setembro de 2018.
O programa da tarde na Casa da Cultura comezará coa presentación de cada peza por parte dos seus autores e autoras e coa entrega das Lolas da Cascarilla (algo así como os Oscars ou Metre Mateo locais) a cada participante. O momento é aproveitado habitualmente para repasar a súa biografía creativa e para dar unhas pinceladas sobre a intencionalidade das pezas, unhas veces documental, outras veces ficticia, outras experimental. De feito, o Chanfaina Lab só pon como condición que os produtos se graven en espazos de San Sadurniño, xa sexa con historias que reflictan algún vencello co territorio ou no que este se poña ao servizo do argumento como simple escenario. As olladas dos realizadores e realizadoras son sempre sorprendentes e engadan a curiosidade do público local propoñéndolle retratos de San Sadurniño trazados desde fóra, pero tamén desde dentro. E é que no Chanfaina conviven creacións de directoras e directores de referencia no audiovisual galego con outras feitas por xente nova e non tan nova do propio concello, compartindo vivencias durante os tres días de gravación e despois impresións sobre o resultado no día da premiere. Nesta edición da Chanfainalab, o 60% dos participantes son cineastas locais dende os 13 anos ata os sesenta e moitos. O pase cinematográfico compóñeno 23 curtametraxes, polo que é posible que máis ou menos pola metade se faga unha pequena pausa, igual que nas antigas salas cando era obrigado parar para cambiar o rolo de celuloide. O programa da sesión é o seguinte:
Cabeceira – Roberto Bouza
A rapaza que borboriñaba aos cabalos– Catalina Rodríguez
Rexistros (xeografía de San Sadurniño)– Adrián Canoura
Sen orde nin ficción– Natalia Fernández
A vista de cabalo do demo– Bieito Beceiro
Síntese– Ángela Arnosa
Xente bonita #1– Cibrán Tenreiro
The Sansa Stomp– Iago Lourido
Breixo– Javier Seoane e Kevin Lorenzo
Dereito a sermos vellas – Irene Beceiro
A chamada – Simone Saibene
Insomnio– Sebastián Rodríguez
Non teño dono – The Sungirls
Electra – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
E fíxose a luz – Fran Bermúdez
O silencio dos eólicos – Aser Álvarez
Arrolo – Lucía Estévez
Unha casa de aldea – Abel Vega
Nena-Dina -Andrés Goteira
Conectado– Pablo Martínez
Irmandade– Helena Girón e Samuel Delgado
Nimbo– Mar Catarina e Rubén Domínguez
Soñadores– Gabriel Tizón