O pasado luns, 12 de decembro, arricaba na Fonsagrada (Lugo) a rodaxe de ‘As neves’, ópera prima da guionista e directora Sonia Méndez. Trátase dunha produción de Aquí e Alí Films e Cósmica Producións, que conta co apoio de ICAA, AGADIC e a participación de TVG.
‘As neves’ participou en laboratorios de desenvolvemento como Torino Film Lab e Sources 2. O filme será distribuído en España por Elamedia.
Este drama psicolóxico con tintes de thriller está protagonizado por un grupo de adolescentes, seleccionados nun casting ao que acudiron máis de 500 mozos. «É un retrato dunha xeración hiperconectada, que vive illada en contornas rurais”, comenta a directora.
Antes de dirixir a súa primeira longametraxe de ficción, Sonia Méndez dirixiu curtametraxes como ‘Conversa cunha muller morta’ e ‘Ei, Guapa’, a webserie ‘Antes de Perder’ (RTVE-Playz) ou o documental ‘A poeta analfabeta’.
“Quero contar as historias destes mozos desde unha posición próxima e íntima. Achegarme e mostrar a estas mozas e mozos, case coma se fose escusa para volver achegarme a min mesma cando tiña a súa idade. A adolescencia sempre me atraeu nun sentido estético, paréceme un territorio fértil estupendo para a narración visual. Moito máis chamativo nesta época de multipantallas”, confesa unha das novas voces do cinema galego e en galego.
Sinopse
Nunha remota vila galega, un grupo de adolescentes celebran o entroido. Durante a festa difúndese un vídeo con contido sexual de Paula, unha das mozas. Angustiada pola situación, abandona a festa e desaparece sen deixar rastro en metade dunha gran nevada. Mentres todo a vila a busca, os seus amigos terán que afrontar a súa parte de responsabilidade.