Cósmica Producións: “Hai unha falta grande de historias de mulleres”

Cósmica Producións: “Hai unha falta grande de historias de mulleres”

A nova empresa membro de Agapi, Cósmica Producións, está formada pola directora Sonia Méndez Alonso e a produtora Nati Juncal Portas. A ambas úneas unha amizade de moitos anos xa, pero foi en 2007 na rodaxe da primeira curtametraxe de Sonia “Perversa Lola” onde se deron conta de que compartían unha mesma visión á hora de traballar e que funcionaban ben xuntas. O momento de converter a idea da produtora nunha realidade chegoulles no 2018 coa webserie “Antes de perder” para a plataforma Playz de RTVE. 

Desde Cósmica Producións buscan explorar o universo feminino, e sobre todo dar voz ás mulleres, así nolo conta Nati “hai unha falta de historias de mulleres, hai menos oportunidades para as directoras e guionistas, por iso nós queremos encher este oco”. Polo momento esta é a liña editorial que traballan desde a produtora pero “sabemos que non é algo para toda a vida, aínda que no futuro próximo é onde queremos estar”.

Acaban de terminar o documental sobre a vida de Luz Fandiño que leva por título “A poeta analfabeta”. Cando estalou o estado de alarma quedaban 3 días para terminar a rodaxe do documental, polo que tiveron que parar. Ao final retomaron o proxecto a finais de xullo tomando moitas medidas de seguridade xa que Luz ten xa 88 anos e o risco era grande. Pero este parón foi tamén unha oportunidade “podiamos ter o docu terminado xa, pero co confinamento tivemos tempo de darlle outra volta, de velo con outros ollos, tomar distancia e ao final démoslle un cambio importante á montaxe, agora estamos moito máis contentas co resultado”. “A poeta analfabeta” será presentada oficialmente a semana próxima dentro da programación de Cineuropa, poderá verse o xoves 12 de novembro no Salón Teatro e ao día seguinte en Numax. 

Ademais, en Cósmica Producións contan con dous proxectos en desenvolvemento, o primeiro é unha longametraxe de ficción escrita e dirixida por Sonia que leva por título “As Neves” que presentaron no Torino Films Lab e no Sources 2 Lab. O segundo é un documental coescrito por Sonia e Dani Domínguez que leva por título “A Muller borrada” e que acaban de presentar no EuroDocs para o desenvolvemento de produción. En 2021 rodarán “O neno sardiña”, a nova curtametraxe de Lucía Estévez que acaba de recibir a subvención de Agadic. 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies