A cineasta Margarita Ledo volve a estar inmersa na rodaxe da súa próxima película. A segunda fase de gravación do filme Nación comezou esta mesma semana en Ponte Sampaio.
Alí, segundo traslada a produtora Nós, cobran importancia antigas traballadoras da fábrica de cerámica de Pontesa, que son protagonistas da súa propia historia.
Nación é unha película con perspectiva de xénero que conta con subvención de AGADIC e obtivo o premio Luísa Villalta.
As localizacións da película, ademais de Pontevedra e Soutomaior, levarán a Margarita Ledo e ao seu equipo á fábrica de Sargadelos en Sada, Castro de Rei, Santiago de Compostela e varias zonas das Rías Baixas.
Ademais da dirección e o guión de Ledo, Nación conta con Alberte Branco como director de fotografía e coa música de Mercedes Peón.
A película aborda unha historia de intimidade que desde a produtora defínena como a propia da muller operaria que, desde o agro e o mar, accede ao traballo industrial.