Andrea Vázquez “con O que arde houbo un crack”

Andrea Vázquez “con O que arde houbo un crack”

A produtora independente Miramemira acaba de dar un paso adiante grazas ao enorme éxito da nova película de Oliver Laxe O que arde, que non só conseguiu o recoñecemento da crítica senón tamén o do público, converténdose xa na película en galego máis vista da historia.

Pero o traballo desta produtora comezou moito antes, concretamente no 2006, ano no que Andrea Vázquez e Damián Varela deciden combinar os seus estudos de cinema e historia da arte para fundar a produtora Miramemira. O proxecto nace cunha liña editorial moi clara: audiovisuais para museos, pezas de carácter expositivo e tamén produción de vídeo para artes escénicas, en especial teatro e danza contemporánea. Traballaron e traballan para o CGAC, Fundación Cidade da Cultura, Centro Dramático Galego… Ademais levan xa varios anos traballando para a compañía de teatro Voadora e a compañía de danza contemporánea Pisando Ovos da coreógrafa e bailarina Rut Balbis.

Agora mesmo atópanse nun punto de inflexión importante xa que a produción da súa primeira longametraxe, O que arde, abriulles unha porta a outra liña de traballo que non se plantexaban: a ficción. E é que en palabras de Andrea Vázquez “con O que arde houbo un crack”. Na actualidade atópanse xa traballando noutro proxecto de ficción, San Simón, unha longametraxe que se achegará a ese período histórico pouco coñecido da illa de San Simón, os sete anos nos que foi un campo de concentración durante a ditadura de Franco.

Para este proxecto uniron forzas con Morelli Producións, a produtora madrileña que está detrás de documentais como La Línea de la sombra sobre a vida e obra do fotógrafo Alberto García- Alix.

En Miramemira teñen claro que queren seguir traballando nos dous camiños, tanto o cinema como o plano máis académico e artístico, xa que “ambos poden beber o un do outro”.

Falamos con Andrea Vázquez sobre o audiovisual galego e aínda que afirma que realmente leva só desde o 2016 dentro do mundo da ficción, cre que “creativamente estamos nun momento súper bo, e proba diso son títulos como O que arde, Longa Noite, Arima …ademais estamos a recibir moito recoñecemento en festivais de prestixio. Creo que institucións como Agadic e TVG están a darse conta do potencial do sector, así que esperamos que sigan apoiándoo con máis axudas”.

Como toda produtora independente o reto “é seguir sendo quen son e conseguir o financiamento para sacar adiante as producións, sen perder autenticidade e o carácter máis autoral e arriscado”.

*Foto: Tamara de la Fuente

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies