O 19 de maio estréase en cinemas ‘Sica’, de Carla Subirana, tras o seu paso pola sección Generation da Berlinale, a Sección Oficial do Festival de Málaga e ser a película de clausura do BCN Film Fest. A primeira longametraxe de ficción da directora catalá está filmada en galego e interpretada por rapaces e actores non profesionais da Costa da Morte.
O filme está protagonizado por Thais García Blanco, veciña da zona, do mesmo xeito que os tamén debutantes Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Acompáñanlles os actores Núria Prims (‘Incerta gloria’) e Lois Soaxe (‘Os luns ao sol’), xunto a outros actores non profesionais do lugar.
‘Sica’ é unha produción de Alba Sotorra, Miramemira, Zuzú Cinema, Amorambre Films e o Filmmaker Fund. Conta co apoio do ICEC – Generalitat de Catalunya, AGADIC – Xunta de Galicia, ICAA, TVE, Televisión de Galicia, TV3 e o Creative Europe Media Program.
A sinopse é a seguinte: Sica (14) está obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio na Costa da Morte, Galicia. Mentres percorre os cantís coñece a Suso (15), ‘o Cazatormentas’, un mozo raro como ela que espera a chegada de Ofelia, a nai de todas as tormentas. Sica investiga as circunstancias do accidente e penétrase nunha dolorosa viaxe de descubrimento. Aos seus ollos, o pobo mariñeiro onde ela creceu, marcado pola brutalidade do seu océano e o crecente desequilibrio da Natureza, xamais volverá ser o mesmo.
A longametraxe estrease hoxe (19 de maio de 2023) con 50 copias en cinemas de Galicia e España.