Cando non teñamos que falar diso

Cando non teñamos que falar diso

Hai unha semana que as rúas se volvían a tinguir de morado para reivindicar unha igualdade real e a abolición dun sistema patriarcal que atravesa de maneira transversal todas as capas da nosa sociedade. Se as rúas seguen cheas e se seguimos vendo necesario facer publicacións como esta é porque o camiño á igualdade aínda segue estando cheo de obstáculos. 

Desde Agapi quixemos falar con tres mulleres cineastas: Ruth Chao, Jaione Camborda e Ángeles Huerta para que nos axuden a facer unha pequena radiografía de como está a situación actual. 

Ruth Chao, fundadora da produtora Somadrome, ten claro que as políticas de discriminación positiva deron os seus froitos:

Creo que empezan a notarse os efectos das políticas de discriminación positiva, porque aumentou obxectivamente o número de mulleres no cinema en xeral, e de directoras en concreto. Non se alcanzou aínda a paridade pero mellorouse, están a xerarse máis oportunidades. E non só hai máis mulleres cineastas, se non que grazas a aumentar o número comeza a haber máis mulleres premiadas tamén. É un claro efecto das políticas de discriminación positiva que vemos nas axudas ao cinema, tanto a nivel autonómico por parte de Agadic como do Ministerio de Cultura co ICAA”.

Jaione Camborda fundadora tamén da súa propia produtora, Esnatu Zinema, cre que estamos nun bo momento pero que aínda queda camiño por percorrer:

Estamos nun bo momento, xurdiu unha xeración de cineastas mulleres que puideron facer as súas películas e demostraron o seu talento en festivais internacionais de prestixio. As mulleres están a achegar unha diversidade necesaria e están a enriquecer o panorama cinematográfico. A situación mellorou, creo que neste sentido hai que ser optimistas. Pero aínda non existe unha igualdade de oportunidades real, porque esta mellora responde aínda á situación das políticas de igualdade e discriminación positiva, e que posiblemente sen elas o carácter sistémico da discriminación de xénero estaría moito máis vixente. Ademais, as estatísticas están a mostrar que as mulleres teñen moito menos orzamento que os homes e isto hai que corrixilo”.

A directora Ángeles Huerta, quen está inmersa na montaxe da súa última película ‘O corpo aberto’ opina que a situación segue sendo precaria e proba disto é precisamente que a entrevistamos para un artigo coma este. 

Hai que lexislar para que as mulleres entren a facer cinema  e empecen a entrar a certos lugares técnicos. Na miña humilde opinión, o cinema como industria construíuse nunha estrutura claramente patriarcal // Encantaríame poder deixar este tipo de entrevistas e que me pregunten só polas películas que fago, pero se se me segue preguntando é por algo”.

As tres directoras coinciden en que o papel das mulleres na dirección e no guión é fundamental, porque a súa visión e a súa sensibilidade mostran a realidade do 50% da poboación, unha realidade ata o de agora demasiadas veces ignorada. Esta paridade de xéneros sinala Ángeles Huerta “é especialmente importante no audiovisual pola penetración que ten nos fogares e a onmipresencia que ten na cultura contemporánea // Ás veces asumimos como normal situacións que son visións moi parciais, como poden ser a idea do amor romántico que ten unha marcada orientación de xénero”.

Avanzamos pero aínda queda moito por alcanzar e moitos temas por abordar como: a conciliación familiar ou a igualdade en postos máis técnicos ou a dirección de fotografía ou o son nos que segue existindo unha ausencia de mulleres enorme.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies