A vixésimo sexta edición do Ourense Film Festival deu a coñecer o seu palmarés, no que figuran as películas ‘ Malencolía’ e ‘ Eles transportan a morte’ como gañadoras do Premio Xacobeo, outorgado pola comisión mixta entre a organización do certame e a Xunta de Galicia.
O Premio Xacobeo (dotado con 12.000 euros) foi outorgado ex- aequo a ‘ Malencolía’ e ‘ Eles transportan a morte’ por “responder a maneiras de produción diferentes” e por ser rodadas na súa totalidade ou parcialmente na provincia.
No caso de Malencolía, do cineasta Alfonso Zarauza a través da produtora Maruxiña, destacaron que desenvolve unha historia “moi apegada á antropoloxía do país” empregando como medio unha parella que retorna da emigración para unha catarse persoal e “a partir de aí é capaz de incluír a truculencia dos xéneros de fantasía e de terror”.
Sobre ‘ Eles transportan a morte’ dos debutantes Helena Girón e Samuel Delgado coa produtora Filmika Galaika, o xurado resalta que se trata de “unha trama ambientada no cume do século XV que alterna a narrativa co uso do son e a imaxe en clave experimental”.