Arrinca a rodaxe de ‘Ardora’, a nova serie de Portocabo para Movistar Plus+
A rodaxe de ‘Ardora‘, a nova serie da nosa asociada Portocabo para Movistar Plus+, comezou o pasado xoves na Coruña, cidade que terá un papel central no desenvolvemento da historia. A rodaxe prolongarase durante varias semanas, en principio doce, e percorrerá distintos espazos da Coruña e da provincia.
A serie supón un novo proxecto conxunto entre Movistar Plus+ e a produtora coruñesa Portocabo. Nesta ocasión, a ficción volve a Galicia para contar un drama criminal de cinco episodios que sitúa a súa acción na Coruña contemporánea e que pon o foco nos conflitos persoais, xudiciais e sociais que se esconden tras un caso xudicial aparentemente sinxelo.
‘Ardora’ está protagonizada por Carolina Yuste e Javier Gutiérrez, dous dos intérpretes máis recoñecidos do panorama audiovisual español. Yuste encarna a Ronsel Otero, unha avogada da quenda de oficio na Coruña, comprometida e de forte carácter, que debe asumir a defensa dun mozo acusado do asasinato dun empresario local. O que parecía un trámite máis dentro do seu traballo acaba por converterse nun proceso que pon a proba tanto a súa ética profesional como a súa propia vida persoal. O ferrolán Javier Gutiérrez dá vida a Luis Rouco, un comisario de policía cunha ampla traxectoria, inmerso tamén nunha crise persoal, decidido a controlar o curso da investigación e a evitar que determinadas verdades saian á luz.
A serie está creada e escrita por Pepe Coira e Fran Araújo, con dirección de Jorge Coira, e mantén o selo de realismo que caracteriza ás producións de Portocabo. Os guións apostan por procesos xudiciais contados con rigor e por personaxes complexos, afastados de estereotipos, nunha historia que se apoia tanto no suspense como no retrato humano dos seus protagonistas.
Desde Movistar Plus+, a produtora executiva Susana Herreras declarou: “Volver a Galicia cos Coira, Fran Araújo e todo o equipo de Portocabo, con Fosco á cabeza, é un auténtico privilexio. Narrar A Coruña contemporánea desde a mirada dunha avogada de oficio parecíanos unha oportunidade única para falar de poder, xustiza e desigualdade. En Movistar Plus+ cremos en ficcións que atrapen e desafíen ao espectador, que permitan mirar cara a cara aos nosos medos e contradicións”.
Por parte da produtora Portocabo, o produtor executivo Alfonso Blanco engadiu: “A proposta da serie ‘Ardora’ é contar un drama criminal desde o punto de vista dunha avogada de oficio comprometida, forte, carismática; un personaxe feminino central, ao redor do cal vira toda a narrativa. Como é habitual nas series de Portocabo, o relato está cargado de realismo, contornas e personaxes veraces e ben documentados e procesos xudiciais contados con rigor. ‘Ardora’ é máis urbana que as nosas últimas producións para Movistar Plus+ (‘Hierro’, ‘Rapa’). A historia está moi enraizada coa Coruña, un cidade norteña e atlántica con moita personalidade, un escenario con gran diversidade paisaxística e visualmente impoñente”.