As produtoras de AGAPI brillan nos Goya con 20 nominacións
Cinco produtoras asociadas a AGAPI contan este ano con películas nomeadas aos Premios Goya, sumando un total de 20 candidaturas. Trátase de Filmes da Ermida, Sintagma Films, Abano Producións, Miramemira e Frida Films, que consolidan así a forte presenza do audiovisual galego na principal cita do cinema estatal.
O filme Sirat, dirixido por Óliver Laxe, parte como un dos grandes favoritos da edición ao acadar once nominacións, entre elas mellor película, mellor dirección, mellor guión orixinal, mellor dirección de fotografía, mellor dirección de produción, mellor montaxe, mellor son, mellor música orixinal, mellor maquillaxe e perruquería, mellor dirección de arte e mellores efectos especiais. A película é unha produción de Filmes da Ermida xunto con El Deseo, Uri Films, 4A4 Productions e Movistar Plus+.

Pola súa banda, Ciudad sin sueño, producida por Sintagma Films en coprodución con Buena Pinta Media, Encanta Films, BTeam Prods, Ciudad Sin Sueño Película AIE, Les Valseurs e Tournellovision, e dirixida por Guillermo Galoe, logra cinco nominacións nas categorías de mellor montaxe, mellor guión adaptado, mellor dirección de produción, mellor dirección de fotografía e mellor actor revelación.

O filme Estrany Riu, dirixido por Jaume Claret Muxart e coproducido por Miramemira, Zuzú Cinema e Schuldenberg Films, conta con dúas nominacións: mellor dirección novel e mellor actor revelación.

Na categoría de animación destaca Decorado, dirixida por Alberto Vázquez e producida por Abano Producións xunto con Uniko, The Glow, María y Arnold AIE e Sandinha em Lata, que compite á mellor película de animación.

Completa a representación das produtoras de AGAPI Leo&Lou, dirixida por Carlos Solano e producida por Frida Films en coprodución con Zeta Cinema, Zeta Audiovisual e Aurora Audiovisual AIE, nomeada na categoría de mellor música orixinal.

A lista de representantes galegos nos Goya prosegue con: Mario Casas nominado ao mellor actor protagonista por ‘Muy Lejos’, Miriam Gallego nominada á mellor actriz de reparto por ‘Romería’ e Tamar Novas nominado ao mellor actor de reparto por ‘Rondallas’.